O Grupo Provincial socialista levará ao Pleno da Deputación de Lugo do vindeiro martes unha moción para esixirlle á Xunta de Galicia que “garanta a atención sanitaria que recibe a veciñanza na provincia ante a inminente xubilación de máis de 20 médicos. Uns facultativos que prestan servizo nos centros de saúde dos municipios de Láncara, Sober, Pantón, O Páramo, Guitiriz, Castro de Rei, Samos, Monterroso, Pedrafita do Cebreiro, As Nogais, O Incio, Portomarín, Antas de Ulla, A Pontenova e Begonte, que son practicamente o 21% dos da provincia”.
Con esta moción, os socialistas tamén solicitan que “se restitúan os cadros de persoal previstos para cada centro de saúde, recuperando as prazas que foron desaparecendo por mor das políticas de recortes do Partido Popular”. Asemade “que estableza modelos de carreira profesional que aseguren a carga de traballo axeitada aos profesionais, eliminando os cupos excesivos de doentes”.
Falta de previsión
Esta situación, advirten dende o PSdeG, é o resultado ”dunha falta de previsión que é inadmisible. Recordan que os Colexio Médicos veñen dando datos e estimacións das xubilacións previstas. No caso do Colexio Oficial de Médicos de Lugo, este avisou no ano 2018 que entre ese ano e o 2022 ían cumprir 65 anos 289 médicos e médicas da provincia de Lugo. “Nada se fixo para cubrir esas baixas e nada se está a facer agora para facer fronte a estas novas xubilacións”, apuntan.
Os socialistas denuncian que a falta de previsión da Xunta e dos xestores do Sergas leva “ata o absurdo a práctica xeneralizada de non cubrir as vacantes por enfermidade, vacacións ou xubilacións. A política de recortes do PP sobrecarga de traballo ao persoal sanitario e xera unha desigualdade no acceso á sanidade pública en función do lugar de residencia”.