Os socialistas gobernarán Burela en minoría pero non descarta “acordos puntuais” co BNG

O alcalde de Burela, o socialista Alfredo Llano, confirmou esta mañá que non haberá coalición co BNG. O PSOE gobernará en minoría en Burela e seguirá en conversas cos nacionalistas cos que poderá chegar a acordos puntuais ao longo deste mandato. O pleno de organización podería celebrarse a vindeira semana.

O rexedor contou que “hoxe, ás doce e media, tivemos unha última reunión de momento para tratar de achegar posturas no aspecto de si se integraba ou non o Bloque Nacionalista Galego no equipo de goberno”. Alfredo Llano deixou claro que “todas as reunións que tivemos foron sempre moi respectadas, houbo un ambiente extraordinario de colaboración, de propostas e de rigor. Tratamos sempre de levar as cousas da mellor maneira posible co respecto que nos temos e mirando polo ben común do concello de Burela”.

O alcalde resumiu que nesta última reunión acordaron ambas agrupacións que non houbese integración do BNG no equipo de goberno “porque existe algún floco, hai algunha cuestión de representatividade e de proporcionalidade nas que non coincidimos” polo que consideraron que “non debemos, agora mesmo, chegar a un acordo derivado desa problemática que tiñamos aí”.

O rexedor burelés avanzou que gobernarán en minoría pero “tratando de apostar por un método no que, dalgunha maneira, colabore o BNG” e asegurou que estarán sempre informando “tamén ao PP”.

“Imos tratar de facer un fronte da esquerda para asentar temas de programa, que pode interesar que consensuemos para Burela. Dalgunha maneira imos procurar seguir contando co Bloque para que dalgún xeito conformemos un equipo, aínda que no estean integrados no goberno, de colaboración e de axuda para constituír unha lexislatura moi positiva para o conxunto dos veciños e das veciñas de Burela”, concluiu.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com