Os socialistas lucenses rexeitan a Lei de racionalización da Administración Local

José López Orozco, candidato socialista á Alcaldía de Lugo, criticou hoxe a Lei de racionalización e sostibilidade da Administración Local, aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy en 2013, porque “estrangula á Administración Local, non dá solución ningunha, máis ao contrario, crea moitos problemas; tantos que ata a propia Xunta de Galicia tivo que facer unha lei de coidados paliativos co fin de que os Concellos non quedaran sen ningún tipo de actividade”.

En referencia a esta norma autonómica, López Orozco engadiu que “nos permite ir subsistindo nas nosas competencias pero non sabemos ata cando nin sabemos de que maneira”. Acompañado dos Secretarios de Organización e de Política Municipal do PSOE Provincial de Lugo, Carlos Ferreiro e Álvaro Santos, José López Orozco anunciou os dous compromisos do PSOE ao respecto da Lei: recorreu a inconstitucionalidade da mesma ante o Tribunal Constitucional e promete derrogala en canto chegue ao Goberno de España.

“Non resolve ningún problema, senón que os multiplica”. López Orozco engadiu, ademais, que a Lei deixa aos concellos nunha situación incerta sobre as competencias propias e impropias e sobre como se financian esas competencias.

O candidato socialista á Alcaldía de Lugo explicou que nestes momentos “o que precisan os concellos é unha reforma da Lei de bases da Administración Local para cumprir o Título VIII da Constitución e unha reforma da Lei de Facendas Locais para ter financiamento e poder exercer competencias e, sobre todo, para saber cales son as competencias propias que é algo no que agora temos completa dúbida. As reformas permitirannos gobernar con seguridade e atender aos problemas dos veciños. Se non se soluciona, navegaremos nunha enorme incerteza”.

José López Orozco referiuse tamén ás propostas municipais do PSOE, que se presentarán esta fin de semana na Conferencia Municipal en Madrid, como “francamente progresistas e novidosas” porque se adaptan ás necesidades das persoas, a esta época nova e ao contexto da crise. No caso do concello de Lugo, explicou que, como é sabido, xa se ten actuado nese sentido, “apostando polos servizos sociais”.

Neste sentido, adiantou que no programa socialista se incrementará o orzamento destinado a gasto social para paliar os efectos da crise, que segue existindo, porque “non é un problema de comunicación, senón unha realidade. Non chegou ese cambio que nos queren facer ver. A saída da crise non chegou para a maioría das persoas e, polo tanto, hai que seguir atendendo esas necesidades porque queremos unha cidade inclusiva no medio ambiente, no urbanismo e nos servizos sociais”.

Ao respecto da proposta de Jaime Castiñeira de subvención de contratos de traballo declarou que “non é novidade no noso Concello, onde abrimos un capítulo de subvención de infraestruturas e contratación de persoas, polo que non é nada novo, pero para chegar a iso tivemos que esperar case seis meses polo permiso da Xunta”.

Pola súa parte, Carlos Ferreiro, Secretario de Organización do PSOE Provincial, confirmou que “haberá candidaturas do Partido Socialista en tódolos concellos da provincia de Lugo. Levamos o traballo ben feito e xa estamos falando do programa mentres o Partido Popular de Lugo non ten nin candidatura”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com