Os socialistas piden a Feijóo o arranxo “urxente” da rúa Diego Pazos en Sarria

A Secretaria Provincial e Deputada Autonómica, Patricia Otero, avanzou hoxe que rexistrou unha batería de iniciativas parlamentarias coas que reclama ao Goberno de Feijóo “que asuma a súa responsabilidade e arranxe de xeito urxente a rúa Diego Pazos en Sarria”.

O vial de titularidade autonómica, que transcorre entre os cruces de A Avenida e A Ciguñeira, atopase nun estado lamentable, o que provoca novamente as queixas veciñais dos seus usuarios e dos comerciantes da vila. Otero sinala na moción rexistrada que “no suposto de que o Goberno de Feijóo non asuma a súa responsabilidade para mellorala, autorice ao Concello de Sarria para facelo. É preciso solucionar o problema do mal estado deste tramo, máis deteriorado, se cabe, coas inclemencias meteorolóxicas destes últimos días, que fixeron practicamente intransitable esta estrada”.

A Voceira de Infraestruturas do Grupo Parlamentario Socialista advirte que “o mal estado do firme pode ocasionar danos aos usuarios desta rúa, e ademais compromete a rede de saneamento que se ve gravemente afectada pola acumulación de saburra e outros residuos derivados do deterioro continuo”.

Patricia Otero afirma que o Goberno de Feijóo “ten que velar e protexer os intereses dos veciños e veciñas, así como dos seus comerciantes, máxime neste momento nos que estes últimos o están a pasar francamente mal pola pandemia da covid-19 e a conseguinte crise económica que está a xerar”.

A Deputada lembra que o PP “ten abandonado esta estrada autonómica que transcorre polo Concello de Sarria, xa que non executa o seu acondicionamento, pero o que é máis grave, tampouco concede o permiso correspondente ao Concello para arranxalo”. Por iso é necesario puntualizar “que os traballos de mellora propostos polo Concello de Sarria xa foron rexeitados en varias ocasións por parte do Goberno de Feijóo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com