Xornada de Pleno extraordinario hoxe na Deputación de Lugo para debater sobre o modelo de convenio entre o0 goberno provincial e os Concellos beneficiarios das residencias e centros de día da terceira idade que lenvantará o Goberno Provincial. Todo parecía apuntar a que sería un pleno máis. Pero non. Xusto ao acabar todas as intervencións, o voceiro socialista, Álvaro Santos Ramos, decidiu retirar a proposta, único punto do día do Pleno, co que finalizou a sesión sen chegar a ningún acordo.
Previsiblemente, estes modelos de convenio serán aprobados a vindeira semana nunha Xunta de Goberno, xa que contan con respaldo legal para facelo. Asemade, o martes que vén haberá outra sesión extraordinaria solicitado polos populares de Elena Candia para continúar coa trama das residencias.
Lembramos, ademáis, que o Goberno provincial retiroulle hai preto dun mes a encomenda de xestión destas residencias a Sociedade Urbanística dependente da Deputación, Suplusa, quen ata ese momento era a encargada de xestionar as mesmas.
Esta retirada da encomenda de xestión levou non só a un distanciamento dentro do PSOE, entre o Presidente, Darío Campos, e o Vicepresidente do executivo e Presidente de Suplusa, Manuel Martínez, senón tamén a un distanciamento aínda maior entre as forzas de esquerda e de dereitas dentro da Deputación.
Álvaro Santos Ramos acusou hoxe ao PP, con Elena Candia á cabeza de ter montada “unha trama política para que non abran as residencias”, o voceiro provincial fixo estas declaracións durante o seu turno do pleno onde aproveitou para dirixirlle a palabra ao delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, tamén presente neste pleno. Santos Ramos acusou, ao igual que os nacionalistas, a Balseiro e Candia de impedir que se avance nas residencias. “O que lle preocupa ao PP é que poidan abrir as residencias; están máis preocupados de debilitar ao goberno da Deputación que das consecuencias que se poden xerar”, asegurou Santos Ramos quen non dudou en tildar a actitude do PP como “un golpe de estado” contra a Deputación e contra “os plenos dos Concellos beneficiarios que aprobaron xa estes convenios”.
Pola súa banda, a popular Elena Candia lembrouse, no pleno de hoxe, dos traballadores afectados pola selección de persoal para as residencias de Suplusa que, apoiados pola CIG, continúan concentrándose diante da Deputación; esta chamada de atención de Candia ao goberno provincial fixo gracia ao nacionalista Antonio Veiga, quen reprochou á popular “que lle saia agora a vena sindicalista” sen escoitar as propostas do BNG para darlle unha solución a estes 70 traballadores. Asemade, Veiga acusou aos populares de “boicotear” todo o que é bon.
O Pleno extraordinario de hoxe comezaba cunha interrupción do Vicepresidente do executivo, Manuel Martínez, solicitando que se deixase este tema encima da mesa ata chegar a un consenso, algo que non foi ben recibido por Darío Campos que lle reprochou que non pedira o turno senón “que o colleras ti”. Finalmente, o Pleno rematou sen máis acordo que a retirada da proposta para a súa posterior aprobación en Xunta de Goberno extraordinaria a semana que vén.