Os Torques de Lugoslavia, equipo de fútbol gaélico promovido por Cultura do País que compite na Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto, denuncia mediante un comunicado de prensa públicamente os actos vandálicos cometidos na fin de semana do 29 de abril ao 1 de maio e, reiteradamente, os días 9 ou 10 de maio, no Campo Municipal de Nadela, por parte de alguén que rompeu o candado da barreira que impide o acceso rodado ao campo e realizou derrapes cun vehículo coa finalidade de inutilizalo para a práctica deportiva.
Este tipo de ataques contra o campo, de titulariedade municipal, veñen sendo habituais e repetíndose periodicamente desde que en 2013 comezou este equipo a facer uso da instalación deportiva. O Concello foi reparando os danos causados: sabotaxe da iluminación eléctrica do campo (2013), rotura de cristais dos vestiarios (2014-2015), derrapes ao longo do campo en dúas ocasións, a segunda con rotura da barreira de acceso e de parte do muro do perímetro, sabotaxe da instalación de auga quente (2016), e esta última de novo rachando a barreira de acceso e derrapando no campo(2017).
Malia as medidas tomadas polo Concello para impedir ou dificultar a realización destas prácticas, os Torques de Lugoslavia cren necesario tomar medidas de vixianza e seguridade para identificar ao/s delincuentes que cometen estes ataques e que se fagan cargo dos amaños dos desperfectos que producen.
A través deste comunicado queren denunciar publicamente estas prácticas e a toma de medidas de vixianza e seguridade no campo por parte das administracións competentes.