Os Torques de Lugoslavia, equipa de fútbol gaélico promovida por Cultura do País que compite na Liga Gallaecia de fútbol gaélico mixto, xoga como local este sábado 15 de decembro ás 16:00 horas no Campo Municipal de Nadela, na quinta xornada da Liga Gallaecia, que os enfrontará coa equipa de Afiadoras Fútebol Gaélico de Ourense, nun partido que enfrontará aos vixentes campeóns de Liga e de Copa.
O Campo Municipal de Nadela acollerá tamén o segundo partido da xornada, que enfrontará a partir das 17:15 ao Suévia, de Compostela, contra Fusquenlha, de Pontedeume. A xornada completarase cun terceiro partido aprazado da primeira xornada de Liga, que enfrontará a Cascarilha da Coruña con Ambílokwoi de Vigo ás 18:30. Rematados os partidos celebrarase o terceiro tempo no Bodegón A Fouce (R/ Ramón Montenegro, 2) a partir das 20:00.
Os Torques de Lugoslavia loitan por revalidar por terceira vez consecutiva o título da Liga Gallaecia de fútebol gaélico mixto, que este ano está conformada por oito equipas e despútase de novo no formato de grupo único.