Os traballadores da grúa municipal ameazan con folga

Xornada intensa hoxe en Lugo, na que os traballadores e traballadoras do guindastre municipal comezaron ás concentracións diante da Casa Consistorial para que o goberno local cumpra co convenio e loite por subrogar a estes traballadores no novo contrato deste servizo. Estes traballadores ameazan cunha folga dende o 7 de outubro se non se lles cumpre o estipulado.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, confirmoulles persoalmente que os pregos do novo contrato contemplarán a subrogación da plantilla porque así o prevé o convenio colectivo para o sector da retirada e depósito de vehículos da vía pública. Ante as mobilizacións previstas dos traballadores, “xa se lles fixera chegar, pero hoxe eu mesma lles trasladei que, coma sempre, o Concello o que quere é velar polos dereitos dos traballadores e, cando temos a  capacidade legal de que poida haber unha subrogación, así o facemos”.

“Neste caso, é factible porque o recolle o seu convenio colectivo”, asegurou a rexedora, que mantivo un encontro co grupo de empregados concentrados na Praza Maior esta mañá. “É lóxico e comprensible que os traballadores estean preocupados pola súa situación laboral. O que fixemos, tanto eu, como logo máis detidamente nun encontro que mantiveron, a Concelleira de Economía, Ana Prieto, e o xefe do servizo de Contratación, foi transmitirlles  tranquilidade porque a subrogación estará contemplada nos pregos, como poderán ver despois no momento da súa publicación”, explicou a alcaldesa.

En canto aos prazos, Méndez subliñou que o Goberno está a traballar para que “da forma máis inmediata, esperemos que antes de finalizar o ano”, saia a licitación o contrato, “como sempre dixemos, un contrato ponte por un período dun ano máis outro de prórroga, en tanto a mesa de municipalización non dilucide como queda a prestación deste servizo”.

“Un San Froilán caótico”

A agrupación municipal Lugonovo, encabezada pola súa voceira, Cristina Pérez Herráiz, considerou esta mañá que a folga anunciada polos empregados do guindastre municipal pode ser “o detonante final dun San Froilán caótico en  canto á mobilidade”.

A ese respecto, a voceira da formación lamenta que a “transparencia” sexa outro dos exemplos de publicidade enganosa que fai o equipo de goberno. “Levamos agardando dende xaneiro para poder ver o contrato con Interparking e así avaliar en qué termos foi outorgada a concesión ante o feito evidente, e as constantes denuncias dos usuarios, de que as dimensións das prazas non se axustan ás necesidades dos vehículos actuais e, polo tanto, a adxudicación non cumpre axeitadamente coas súas expectativas”.

E como mostra, Cristina Pérez refire as dificultades que ela mesma pasou esta mañá para poder acceder ao seu coche e introducir nel o traxe tradicional que empregará no desfile do próximo domingo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com