Algúns dos traballadores municipais do Concello de Lugo manifestáronse hoxe de novo contra a nova Relación de Postos de Traballo que propón a entidade local e que xa está aprobada polo 80% dos representantes sindicais, segundo afirmou o Concello.
Esta manifestación foi avalada polos sindicatos en contra da RPT, AGORA e a CIG. Fernando Fernández, voceiro deste grupo de funcionarios matizou que realmente non son 80% dos representantes sindicais os que apoian esta RPT, “senón o 80% dos representantes que estaban na mesa de traballo, que non son todos”, e recalcou que “AGORA, o sindicato máis votado polos funcionarios, non pode estar ahí, ao igual que AFI-USO”.
“Queremos deixar constancia de que a RPT non nos gusta, porque é unha RPT amañada, non negociada, e o problema de todo esto é que vai quedar para futuros (…). Se o goberno non é capaz de coller esto de xeito igual, e non amañada o día anterior á mesa de negociación, pois temos un problema”, afirmou Fernández.
Os traballadores entraron no salón de Plenos do Concello onde, durante cinco minutos, fixeron unha manifestación silenciosa que rematou con aplausos. Antes e despois estuveron pola Casa do Concello e mesmo nas portas do edificio municipal concentrándose con pitos e megáfonos.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez afirmou antes de entrar ao Pleno que os traballadores municipais estaban en todo o seu dereito de manifestarse e de expresar a súa opinión, pero asegurou que este documento está aprobado nunha mesa de negociación cun gran apoio dos sindicatos, que é o primeiro paso. Méndez resaltou tamén que fixo “un hito histórico no Concello de Lugo que é aprobar un documento co 80% dos sindicatos a favor”.