Os tres Bens Mundiais cos que conta Lugo, a Muralla Romana, a Catedral e o Camiño Primitivo, xunto ás Termas Romanas, o Museo Provincial e as Vías XIX e XX, estarán presentes na nova guía turística promocional, de caracter histórico, das cidades do Eixo Atlántico.
Así o anunciou a Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, quen asistiu á xuntanza do Grupo Temático de Turismo do Eixo, que se reuniu no Palácio do Centro Cultural Vila Flor, na localidade lusa de Guimarães.
Carmen Basadre destacou o valor da distribución desta guía, tanto en territorio portugués como en Galicia, para impulsar o turismo de proximidade. Neste senso, a edil quixo lembrar que o 8% dos visitantes foráneos que recibiu o pasado ano a Oficina Municipal de Turismo eran portugueses, e o 19%, da propia comunidade galega, uns 6.500. Para a Concelleira, o reparto desta guía supón unha oportunidade importante para seguir consolidando a Lugo como destino turístico.