A Asociación Veciñal Terras de Magoi e Fingoi xunto á súa presidenta, Ana Isabel Rodríguez Barrio, veñen de remitir unha solicitude na Área de Mobilidade e Infraestruturas do Concello para que o novo edil titular da concellería “teña coñecemento do moi mal estado no que se atopa o paseo entre as rúas Armórica, do Trebo e Roi Xordo”. Segundo a asociación, este paseo xa foi visitado por técnicos do concello pero nunca foi arranxado.
O obxecto principal das queixas da veciñanza é a beirarrúa- paseo que transcorre dende a rúa Armórica ata a rúa Rei Xordo, fronte a igrexa de San Francisco Javier. O paseo, que bordea a praza vermella en torno á pérgola de Armórica, atópase nun estado “moi mellorable”, co irme de cemento roto co que, segundo os veciños “as persoas maiores que adoitan usar ese traxecto teñen dificultades para podelo atravesar.
Este paseo, ademáis, presenta diversas fochancas que se anegan cando chove, “facendo dificultoso que o utilicen os peóns” e que, xa resultou, segundo denuncia a asociación, coa caída de varias persoas.
Con toda esta situación na fronte, a asociación veciñal vén de solicitarlle ao novo concelleiro, mediante escrito, que arranxe o estado deste paseo para que se poida utilizar “ainda que chova e sen dificultades para o tránsito; sobre todo das persoas con movilidade reducida”, insistindo en que se
tivera en conta, o seu arranxo, nos presupostos para o ano 2020.