A Plataforma en Defensa da Sanidade e Especialidades do HULA denuncia que o novo horario que establece a Consellería de Sanidade para a atención facultativa do centro médico de Nadela non é suficiente. Así o comunica o coordinador da plataforma veciñal, José Manuel Carballo, que defende que os veciños “non o van permitir”.
Dende a Plataforma piden á Consellería que un médico pase consulta cinco días á semana e que polo menos haxa, como mínimo, un ATS .”Estamos fartos de que a Xunta estea a xogar coa saúde, ca educación e coa terceira idade”, afirma Carballo, que ademais, ameaza ao Conselleiro de Sanidade con medidas drásticas. “Movilizaremos Lugo se é preciso ata lograr o noso obxectivo. O Conselleiro e o PP xa teñen experiencia de como actuamos ante casos coma este”, asegura o coordinador.
A Consellería de Sanidade expresou nun comunicado que o consultorio de Nadela contará cun facultativo médico só tres días á semana. Ademais, unha enfermeira especialista en Familiar e Comunitaria asistirá aos pacientes cinco días á semana, con horario de mañá. Tamén contará con equipamento específico para asistencia de pacientes con enfermidades crónicas comúns – como a diabetes e a hipertensión -, e farán “especial fincapé na prevención cardiovascular, paliativa e comunitaria”, asegura.
No mesmo comunicado, Sanidade anuncia que “en ningún caso a Xunta prevé o peche do centro”, pero dende a Plataforma de Defensa de Sanidade temen que este novo horario facultativo sexa unha antesala ao peche do ambulatorio. “É un recorte continuo na Sanidade. Os presupostos da Xunta para a Sanidade para 2024 non medra, merman. As súas medidas son os recortes en áreas como a saúde, a educación e a terceira idade”, anuncia Carballo.
O centro médico reabriu o pasado mes de setembro o servizo de enfermaría despois de permanecer pechado durante o verán, obrigando aos pacientes a ser derivados a Fingoi para as consultas médicas.