A veciñanza da zona de Nadela, vén de facer pública a súa fonda preocupación pola grave e continuada contaminación ambiental xerada pola fábrica de Tableros Hispanos. A pesar da recente instalación dun medidor de calidade do aire, consideran que “esta medida resulta claramente insuficiente, xa que o dispositivo actual non cobre todas as áreas afectadas polas emisións e non permite avaliar con precisión o seu impacto real”.
Segundo denuncian os veciños, “as medicións rexistradas ata o momento resultan alarmantes e confirman o que levan tempo advertindo: os niveis de contaminación seguen a ser inadmisibles”. Ademais, aseguran que “non se ten observado ningunha mellora desde o comezo das protestas veciñais”.
A maiores, sinalan que “a empresa Tableros Hispanos pretende solicitar unha prórroga para executar as obras necesarias de adaptación. Porén, a veciñanza considera totalmente inaceptable calquera tipo de demora adicional e insiste en que non están dispostos a seguir agardando mentres continúan expostos a emisións contaminantes que afectan á súa saúde e á calidade de vida”.
Desde hai tempo, veñen sufrindo as consecuencias do fume e das emisións industriais sen que, ao seu xuízo, se teñan producido respostas efectivas por parte da empresa nin das administracións. Aínda que existe un compromiso de reducir as emisións, a veciñanza considera “imprescindible que se actúe con urxencia e firmeza, pois cada día que pasa sen solucións reais supón un novo prexuízo para a poboación afectada”.
Por todo isto, os veciños indican o seguinte “reclamamos a instalación inmediata dun novo medidor de calidade do aire, situado nunha localización estratéxica que permita un control máis representativo e eficaz da contaminación na zona, así como a aceleración dos prazos para a posta en marcha das modificacións industriais necesarias por parte da empresa, sen máis escusas nin demoras”.
A veciñanza de Nadela insiste en que merece vivir nun contorno saudable, libre de ameazas ambientais, e lembra que “é responsabilidade da Xunta de Galicia garantir ese dereito e actuar coa celeridade e contundencia que a situación require”.