Os XII Xogos do Eixo Atlántico darán comezo mañá, martes 4 de xullo, cun acto inaugural na capital luguesa, que é unha das tres sedes, xunto con Sarria e Monforte de Lemos, desta nova edición do evento. Participarán 1.850 mozas e mozos menores de 16 anos de Galicia e Portugal.
As competicións arrancarán o mércores, 5 de xullo, e prolongaranse ata o domingo, día 9. O organismo provincial congrátulase de que sexa a primeira vez que esta cita deportiva, cun retorno económico aproximado de 700.000 euros ao ser capaz de reunir a preto de 5.000 persoas entre participantes e organizadores, se celebre na provincia de Lugo e faino co principal patrocinio da Deputación, así como coa colaboración dos Concellos de Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, e do propio Eixo Atlántico.
Nesta edición, estarán representados 29 municipios e entidades de Galicia e do norte de Portugal: Lugo, Monforte de Lemos e Sarria, Ourense, Pontevedra, O Carballiño, Santiago de Compostela, Barco de Valdeorras, Carballo, Vigo, Vilagarcía, Riveira, Narón, A Coruña, Macedo de Cavaleiros, Matosinhos, Porto, Famalicão, Braga, Peso da Régua, Bragança, Maia, Vila Nova de Gaia, Vila Real, Valongo, Viana do Castelo, Guimarães, Santa Maria da Feira e a Eurocidade Chaves-Verín.