Óscar Puente di que a intermodal estará lista en 2025 pero non hai data para a autovía a Santiago

O ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, anunciou que as obras da nova estación ferroviaria de Lugo terminarán en 2025, o que contribuirá a descarbonizar a mobilidade apostando por modos máis sostibles e activos e a dar resposta ao incremento do tráfico de trens e viaxeiros derivado da renovación da liña Lugo-Ourense, que conecta a cidade co corredor de alta velocidade. “Temos máis dun ano de obras por diante para ver finalizado o novo edificio da estación de tren”, asegurou o ministro tras a súa visita ás obras de remodelación da estación, que contemplan a construción dun novo edificio de viaxeiros, dun paso inferior compartimentado para viaxeiros e para uso público, dunha pasarela peonil, a adecuación de plataformas e a demolición do edificio de Correos, entre outras actuacións.

Os traballos comezaron en marzo deste ano e conta cun orzamento de 22,3 millóns de euros (IVE incluído). Adif asume a totalidade do novo edificio e o paso inferior cara a plataformas, ademais do 60% do paso inferior de uso libre, a urbanización e o viario circundante. “Será unha estación adaptada aos novos servizos e á necesidade de comunicar o parque do Sacro Corazón co centro urbano, grazas ao paso inferior peonil que conectará ambas as marxes”, afirmou o ministro. A estación, ademais permitirá a intermodalidade tren-bus mediante unha pasarela peonil de case 10 m de ancho, que será un símbolo arquitectónico da Lugo do futuro, creando baixo ela un novo espazo de lecer para a cidadanía, e contribuíndo a transformar a mobilidade da cidade.

A-54 Lugo-Santiago

Con respecto a autovía Lugo-Santiago o ministro non deu datas e limitouse a dicir que “se está a traballar de forma intensa para finalizar os 28 quilómetros que faltan para completar a autovía A-54 ata Santiago”

Neste sentido, detallou que está previsto “abrir ao tráfico a finais de ano o tramo de 11,7 km entre Melide e Palas de Rei, pero non deu ningunha data par a finalización da totalidade da autovía

Declaración da alcaldesa Paula Alvarellos

“En primeiro lugar gustaríame agradecer ao Ministro esta visita. Sen dúbida a súa presenza hoxe aquí constata o seu interese polo proxecto da nova estación Intermodal, algo tan importante para o futuro de todas e todos os lucenses. Ademais, agradézolle que cumprise tan rápido co compromiso adquirido persoalmente comigo fai tan só hai unhas semanas de achegarse a nosa cidade para que puidésemos trasladarlle nosas principais demandas en materia de comunicacións”, indicou a alcaldesa. “Tras sete anos de ostracismo, nos que o Goberno do PP gardou nun caixón todos os proxectos de mellora das comunicacións para a nosa cidade, grazas ao traballo do Goberno socialista, Lugo atópase de novo hoxe no mapa estatal en materia de infraestruturas.

Candia lamenta a falta de concreción de Óscar Puente

A presidenta do PP lucense e voceira municipal, Elena Candia, agradece que se estean levando a cabo “as obras da intermodal, un exemplo da cooperación entre administracións” pero engade que “as declaracións do Ministro Puente déixannos preocupados”; xa que “non garanten máis frecuencias de trens e tampouco poñen data para a chegada da alta velocidade a Lugo”.

“O Ministro de Transportes evitou en todo momento concretar prazos. Os lucenses seguimos igual que antes da súa visita: temos un edificio en obras, pero sen trens” subliñando que “nin tan sequera clarificou para cando o estudio da conexión Santiago – Lugo por tren zanxando esta opción cun acabamos de contratar o estudo de viabilidade”.

Candia tamén subliñou o tema da mobilidade na zona “que non é menor, e así nolo trasladou á veciñanza, logo de coñecer con detalle o proxecto da Intermodal, é a necesidade de mellorar a mobilidade nesta zona “que precisa dun deseño e organización que facilite a fluidez no tráfico”. E destacou que se podería converter nun “punto negro da circulación”.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com