Os que estamos no período outonal da vida, adoitamos dicir que estamos no mellor momento, por ter superado con ben a primaveral etapa de formación, cumprido coa rotunda etapa laboral, quedando un tranquilizador outono para gozar das cousas fermosas da vida, coa paz que da a experiencia e o poder estar de volta de case todo. Por certo: ven de comezar outono.
O outono do ano natural non ten porque parecerse ao outono vital, aínda que o calendario da vida pareza ter un reflexo breve en cada ano que nace, medra, explosiona, agotase, repousa e morre.
Se aplicamos esta regra ou calendario esquemático á actual campaña electoral, tamén estamos no outono… que a primavera florece electoralmente cando se convocan as eleccións, e se conforman as alianzas e se loita por ir nas listas electorais, e triunfan os que van ben colocados e esmorecen os que ven nun pozo as súas ilusións…. O verán han ser os primeiros días de campaña, a primeira semana ou os dez primeiros días, onde a boca se enche de palabras grandilocuentes e promesas, louba e vitorease aos partidarios, proclámanse futuras realizacións e conquistas sociais, e atacase aos contrincantes… pero cando a campaña está xa case vencida, cando só queda un día, máis o de reflexión, chega o outono, coa perspectiva do remate de campaña, reflexión, a votación… e a chegada do inverno; a perspectiva de que todo o proceso, o calendario, está a piques de rematar.
Neste outono é cando se percibe máis a realidade da rúa, as tendencias de voto, a pesar do natural secretismo dos votantes, pero enquisas e auscultación xa van dando idea do posible resultado da noite electoral. A realidade acaba por impoñerse.
Así o inverno electoral comeza no momento en que se pechan as urnas e se publican as enquisas efectuadas aos votantes despois de depositar o seu voto. E todos os que ían ser gañadores, comezarán a xustificar resultados por difíciles de xustificar que resulten, cos que se manifestan conformes, satisfeitos… e suxerirán alianzas e comportamentos, acomodados á realidade, rebaixando anteriores elucubracións, alonxándose radicalmente da euforia da primavera e da algarada do verán.
Iso, se o resultado non provoca nalgún partido problemas de liderado que se poden manifestar violentamente se o resultado non é o agardado. Así que este outono vai ser curto aínda que intenso… pero o inverno –político- seguro que vai ser moito máis quente.