A programación para público infantil da Vicepresidencia da Deputación de Lugo vai chegando ao seu fin co remate do período estival. Nesta ocasión, o espectáculo musical Extra! De Paco Nogueiras estará o sábado 18 de setembro en Navia de Suarna.
A actuación, organizada coa colaboración da Asociación de Veciños Irmandade Naviega, dará comezo ás 17.00 horas na Praza do municipio, con entrada libre ata completar a capacidade habilitada segundo as normas de prevención fronte á Covid.
Trátase dunha proposta musical baseada no libro-cd do mesmo título, editado por Kalandraka Editora, que pretende achegar ás nenas e nenos ao mundo da prensa escrita e ao xornalismo. No espectáculo, as noticias cántanse e báilanse, coa participación do público.
O músico e actor Paco Nogueiras explica que Extra! é un “espectáculo concibido en época de pandemia, adaptado a realidade que nos tocou
vivir, e pensado para que os nenos e nenas poidan interactuar e desfrutar desde as súas cadeiras”.
A actuación forma parte da programación “Verán Infantil”, que ofertaron ao longo do verán distintas propostas escénicas e musicais para a
cativada de distintas localidades da provincia. Ademais de Paco Nogueiras, forman parte do ciclo os espectáculos Rockeando con Ramona
Órbita de Paco Cerdeira “Pakolas”, A Gramola Gominola, os concertos do grupo Cozorellos Salvaxes, os pasarrúas de Guateque Roll e as funcións de clown, malabares e globoflexia de Punkdemia. En total, programáronse 18 actuacións, en colaboración con distintas asociacións culturais e de veciños.