Mañá mércores, 8 de marzo, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal Gustavo Freire, o grupo lucense Palimoco Teatro poñerá en escea Medea, Salvaxe?, unha atrevida versión da historia desta sacerdotisa grega que tras sentirse traizoada polo seu marido, e polo seu pobo, mata aos seus fillos por vinganza.
Nesta ocasión, a compañía lucense tenta contar a historia dende unha ollada diferente e actual, coa que pretenden facer ver ao público asistente que na mitoloxía grega xa había mulleres que loitaban polos seus dereitos e polo seu recoñecemento persoal. Esta obra inclúese dentro da programación da XVIII Mostra de Teatro Clásico, organizada polo Concello.
Por outra banda, ás 21:30 horas do venres 10 de marzo, no Gustavo Freire, o cantante Coque Malla dará por iniciada a súa xira Santo Tour con toda a súa banda. Neste concerto, ademais das súas cancións de sempre, o cantante madrileño presentará aos seus seguidores o seu último disco, El ultimo hombre en la Tierra, cheo de rock, elegancia, sensibilidade, crueza e, sobre todo, grandes cancións.
As entradas para ambas as dúas actuacións pódense adquirir na web www.entradaslugo.es ata tres horas antes da celebración, na Oficina Municipal de Turismo e no propio auditorio unha hora antes do comezo dos espectáculos.