Na Casa do Concello de Lugo, á esquerda, unha gran pancarta proclama a oposición á planta de biometano. Á parte de que este sexa un biogás purificado, resultado de aproveitar produtos industriais ou agrícolas para a produción de enerxía, o que non está nin medio ben é colgar en edificio tan noble unha pancarta publicitaria dunha idea, postura ou política en relación cunha industria. Agora que ven de pasar a Semana Santa, que nos achega máis ao tema relixioso, non esquezamos que Xesús botou a zurriagazos aos que usaban o templo con fines impropios. Pois este é un fin impropio para un organismo oficial.
Do Concello os cidadáns agardamos decisións sabias e xustas, con arreglo ao ben común e ás necesidades de todos, no exercizo da súa competencia. Para algo as decisións que o Concello tome son de obrigado cumprimento. Naquela casa represéntasenos a todos, e calquera elemento a maiores distorsiona as reglas de xogo, como se na catedral colgasen unha pancarta que rexeitase calquera outra crenza.
Ben sei que o que digo vai alporizar a amigos meus de esquerdas que me teñen en mellor consideracion do que merezo, por coidar que desvarío. Pero magoado na mocidade pola crenza única imperante daquela, o mesmo de radical e inxusta me parece a actualmente vixente de que as esquerdas outorguen licencias de existencia e pensamento segundo a súa visión do mundo.
Unha casa de concello non é sitio para colocar pancartas, a menos que sexa para anunciar o Arde Lucus ou o San Froilán. aínda que todos os partidos estean de acordo no tema. O concello toma a decisión que corresponda, e todo o demais sobra.