O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, advertiu do perigo que supón para as arcas municipais de Lugo a predisposición da alcaldesa a perder os ingresos que, polo pago do IBI, aporta a Xunta de Galiza en forma de impostos. Para o BNG-AA o “cazoleo” do IBI entre a alcaldesa e Feijoo pode poñer en perigo os investimentos dos fondos EDUSI. Arroxo sinalou que os fondos europeos que achegarán a Lugo 10 millóns de euros para proxectos relacionados co río e o seu entorno están condicionados á aportación, por parte do concello, de 2,5 millóns de euros.
“O plan europeo EDUSI precisa 2,5 millóns de euros de aportación municipal e a alcaldesa está renunciando a recadar 3,6 millóns” lembrou Arroxo e sinalou que “para poder facer fronte a esta aportación o concello ten que contar cos ingresos suficientes sen deixar de facer os investimentos necesarios para cubrir os servizos que se dan ás veciñas e veciños de Lugo”. “Non entendemos como, para facer un guiño de simpatía ao PP, a alcaldesa compromete a partida de ingresos do orzamento municipal” afirmou o voceiro nacionalista.
Rubén Arroxo dixo que “o BNG-AA vaise opoñer a que Lugo perda os ingresos do IBI da Xunta por que son fundamentais para Lugo”. Arroxo explicou que o concello de Lugo pagará dúas veces a dotación do Auditorio “a alcaldesa renunciou a que a Xunta pague a dotación do Auditorio, Lugo aportará 3,6 millóns de euros para dotar o auditorio, vía exención do IBI, e perderá de ingresar esta cantidade para que Lugo poida contar con máis servizos e inversións”.
Para o BNG-AA “non é comprensible que, dende o PSOE, se renuncie a un investimento que tiña que ser da Xunta”. Arroxo sinalou que “a perda dos ingresos do IBI destes edificios suporá un enorme perxuizo para Lugo e poñerá en risco moitos investimentos por unha cantidade que non debería ter este tipo de contraprestacións”.