Paradela agradece aos seus defuntos o mantemento da lingua e cultura galegas

O cemiterio de Paradela, dende hoxe, agradece a todos os que alí xacen o mantemento da lingua e cultura galegas. Así o fai grazas a unha placa descuberta esta mañá no camposanto de  San Miguel de Paradela que reza “Na memoria de todas as persoas que xacen aquí, porque Galicia segue a ter cultura e lingua de seu”, promovida polo Concello de Paradela e a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Durante o acto, ao que acudiu tamén o Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias,  visitaron o Panteón de Paradelenses Ilustres, único en Galicia destas características, onde foi enterrado o escritor Manuel Rodríguez López, Fillo Predilecto de Paradela, a quen se lembra neste lugar cunha placa en galego; así como o nicho no que fican os restos do canteiro Manuel López López O Lagoa, que el mesmo construíu e que tamén está rotulado en galego.

Arias salientou que esta data “serve para visibilizar os cemiterios como un espazo máis de transmisión da lingua propia e maioritaria de Galicia e para honrar a memoria de todos aqueles que nola legaron”. Engadiu que “se o galego é a lingua que nos identifica en todos os contextos, é natural que sexa tamén a que nos represente cando xa non estamos”.

Esta conmemoración dálle continuidade á do ano 2019, que se realizou no cemiterio parroquial de San Facundo de Ribas de Miño, tamén en Paradela, o único de Galicia que ten todas as súas lápidas en galego.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com