A Plataforma PARGA NON SE DIVIDE avalía positivamente a asemblea de veciños celebrada en Parga este pasado sábado. Nesta concorrida asemblea, con preto de 100 veciños e veciñas púxose de manifesto, de novo, a rotunda oposición da veciñanza ás diferentes propostas do ADIF para a supresión de pasos a nivel. “Esta plataforma naceu para evitar a división do pobo en dúas metades, para aportarlles información aos veciños e veciñas e que puideran valorar as diferentes propostas e por iso convocamos esta asemblea.
Son os veciños e veciñas de Parga os que teñen que decidir o seu futuro e Parga falou e decidiu, de novo, rexeitar a nova proposta porque o pobo quedaría tamén dividido” sinalan dende PARGANONSEDIVIDE Adif fixo chegar á Alcaldía unha nova proposta para a supresión de pasos a nivel, desta vez mediante un paso superior e unha estrada de nova construción que discorrería entre a zona das vivendas sociais, nos terreos da antiga serra de Santalla, até enlazar coa avenida da estación, preto da antiga oficina do Banco Pastor.
“A veciñanza valorou negativamente esta nova opción, principalmente porque se mantería a división do pobo, mais tamén porque parte da nova estrada discorrería por zona inundable ou porque hai dúbidas de que a avenida da estación, erguida sobre material de recheo, poida soportar o tráfico de camións de madeira, leite ou pensos que transitan polo pobo” din dende a plataforma.
Tamén se escoitaron voces incidindo en que o sistema de pasos a nivel con barreiras actual é seguro e que, en todo caso, se podería mellorar aínda mais a súa seguridade con mais mantemento ou dotándoo de medidas adicionais coma as dobres barreiras, detectores volumétricos de presenza, ou outros dispositivos.
“Os veciños de Parga queremos un pobo unido e seguro e Adif debe escoitar a nosa voz, retirar os proxectos actuais e comezar a traballar en propostas que non supoñan a división de Parga. Dende a Plataforma escoitarémolas todas, mais nunca aceptaremos unha que supoña a división do pobo porque sería a súa desaparición” advirten dende PARGANONSEDIVIDE. “Parga falou e o pobo é quen mais ordena” finalizan.
Dende a plataforma sinalan que dende o BNG de Guitiriz, anunciáronlles a visita de Néstor Rego (deputado do BNG no Congreso) acompañado do Concelleiro do BNG Xosé Lois González Souto “Pereira” a Parga este martes 27 pola tarde, onde manterá unha reunión con membros da plataforma para coñecer de primeira man a problemática dos pasos a nivel.