PargaNonSeDivide esixe a reapertura do centro médico de Parga

Dende a asociación #PARGANONSEDIVIDE solicitan da Xerencia da Área integrada de Lugo- Mariña que, unha vez superado o peor da pandemia da Covid 19 e rematada a sexta onda, se proceda á reapertura total do centro médico de Parga, pechado dende marzo do ano 2020. “Tiñamos o compromiso reiterado tanto da dirección de primaria coma da xerencia de que o consultorio reabriría as súas portas unha vez superada a pandemia. Ese momento xa chegou, non pode haber mais escusas” din dende #PARGANONSEDIVIDE.

Dende a plataforma lembran que a situación evolucionou moi positivamente nos últimos meses unha vez superada a sexta onda, coa poboación diana practicamente vacinada na súa totalidade, cunha incidencia mínima e coa reapertura practicamente total e volta á normalidade na maioría dos ámbitos, dende o lecer de masas ata a mellora substancial das condicións na hostalería, por poñer dous exemplos. “Non se sostén que dende o Sergas manteñan centros de saúde coma o de Parga pechados mentres nos campos de fútbol poden xuntarse ducias de milleiros de persoas ou se está a barallar a retirada das máscaras incluso en interiores. Recuperar o lecer é moi importante, mais recuperar a atención sanitaria para nós, é vital” inciden dende a plataforma veciñal.

A plataforma veciñal lembra o compromiso da Xerencia de reapertura paulatina ao rematar a sexta onda, recuperando primeiro o servizo de enfermería e despois a atención médica en Parga, expresados nunha reunión a mediados de decembro. “Xá van alá tres meses da reunión e dous anos do peche e non se fixo nada do prometido”, denuncian.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com