Pasando de política

Foron días crispados na política nacional; tranquilos en Lugo. En oficinas, na educación, no tráfico; maiores e nenos, vivimos xornadas normais, axustando a vida ao ritmo que marcan idades, estacións, traballo ou lecer, sen o entusiasmo que alborotou Brasil nin ao arrepío que arrebatou o panorama xudicial, político e social do Estado.

No que parecen poñerse de acordo nas alturas da nosa sociedade é que vivimos unha crise política de gravedade inédita na democracia, na que o Goberno toma decisións que parecen á carta para grupos afíns, e o Partido Popular pon os obstáculos posibles, mesmo recurrindo ao Constitucional, que paraliza o xogo político para clarificar a situación.

Nas alturas do poder crúzanse argumentos e insultos, arden as Redes, encéndense os ánimos… pero a vida no país segue como se nada diso interesase, e as preocupacións ostensibles van do Euribor ao custo da vida; das vacacións de Nadal á posible retracción económica. Se o problema altera aos políticos, a nivel popular pasa desapercibido. E o Rei, con sentidiño, advirte sobre o tema, pero non a gusto de todos.

Imos ter que aprender do fútbol: España, eliminada por Marrocos no turno de penalties… Arxentina gañou a penalties o Mundial. E a todos parece xusto, sen pensar se quen tira os penalties é progresista ou conservador. En cambio, no Constitucional, os conservadores por un gol (un voto), gañaron un partido no máis alto, porque para un conservador e un progresista a mesma Lei non di o mesmo.

Ou o futbol está máis asentado ca a política, ou a política ten invadido campos que non lle pertencen. Mentras, os cidadáns pasamos da política e dos políticos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com