Hai un par de luns cumpríronse oitenta anos do dezaoito de xullo máis tráxico da nosa historia, constatando que foron languidecendo conmemoracións e repudios, porque os anos van facendo mella na memoria.
Aínda que sumado a última hora ao carro da rebelión, o Xeneral Franco resultou ser o protagonista principal dunha traxedia que seguirá mancando na nosa xente por séculos. El mesmo comprendeu que se tiña adeptos, por millóns xurdirían detractores; que se uns proclamaban que era “Caudillo de España por la gracia de Dios”, outros consideraríano nefasto, polo que fiou do futuro confiando que só Deus e a Historia serían quen de xulgalo.
Deus ten que estar moi farto dos embolados no que o meten xentes de malvivir que se cren santos, e por iso non adoita pronunciarse. Pero a historia, esa que se fai todos os días, que aparece nos xornais, nos libros, nos estudos, nas películas, hai moito tempo que puxo ao “Xeneralísimo” no seu lugar, e se ten ocasión de comprobalo estará horrorizado da súa imaxe actual.
Estou a ler “La segunda guerra mundial contada para escépticas”, de Eslava Galán, onde Franco resulta ser un mal verso de arte menor. E teño lidos outros tratados ben máis críticos con Franco e o seu tempo.
Non creo que fóra esta a historia que Franco agardaba para que se lle fixera xustiza. Porque a xustiza non é a gusto de todos, e todos temos o dereito e o deber de xulgar un tempo que vivimos que, aínda sen ira, hai que tildar de escuro.
Hai que ter moita confianza nun mesmo para considerar que a historia lle vai ser favorable. En caso de dúbida, coido que o mellor é pensar que, por moito que un se esforce, é dificilísimo pasar á historia. E se pasas polas bravas, xa sabes o que che espera.