Antes, as sentencias cuasi filosóficas eran propias da xente de idade, adquiridas por experiencia vital. E palabra de vello era palabra sabia, material sobre o que se construíu o riquísimo refraneiro popular.
A frase rotunda que orixina a miña cavilación, foi pronunciada por un mozo traballador dunha empresa severamente afectada pola tolemía das vías para ciclistas sin ciclistas, ás veces utilizadas por patineteiros que non precisan delas pois dominan a circulación, e son monumento municipal ao desatino ou ao desatino municipal.
Explicábame o traballador as complicacións dos trailers para descargas imposibles, e as cabriolas das furgonetas de reparto, e por ser lugar de paso case obrigado para camiñantes, acabou por sentenciar: “O Concello só mira para a xente que pasea, e non para a que traballa”.
Quedei atónito. Pola xuventude do rapaz, polo absurdo da situación, polo xusto da consideración de escaso respeto polo que precisa espazo para o seu traballo fronte a paseantes aos que se nos trata a corpo de rei, e ciclistas nonnatos por si cando existan lles da por pasar polos trazados que ao Lugo municipal, e suponse que a Europa, lles deu por marcar quizais xogando á “Pita cega”.
Como camiñante, non teño a menor queixa deste Lugo mesopotámico que fomenta o camiñar preto das augas, pero como traballador ocasional ou residual poido comprender plenamente a expresión dun traballador, mozo en idade, sabio en experiencia. Que non está mal a peripatética, pero o que traballa merece atención e respeto.