Un lixeiro cambio de tendencia da Covid chega este xoves á provincia. Mentres nas últimas xornadas Lugo xa amosaba un descenso importante do número de casos, iso si, con baile de cifras no tocante aos positivos, hoxe, a provincia rexistra, por primeira vez en cinco xornadas, un pequeno aumento do número de infeccións activas. En total, tras 645 novos positivos detectados, a provincia suma hoxe 218 novos casos covid, en total son 6366 as persoas que manifestan unha infección activa nestes momentos.
O certo é que na última xornada, todos os baremos deron un paso atrás, incluídas as altas médicas que continúan sucedéndose malia que baixaron o ritmo de forma considerable en comparación con días anteriores con 422 novas altas (polas 636 da xornada anterior), e a presión asistencial sube lixeiramente: 73 pacientes covid recupéranse nas unidades convencionais dos centros da provincia (fronte aos 69 de onte). Por hospitais, hai 49 pacientes no HULA, 12 no hospital comarcal de Monforte e outros tantos no hospital da Costa. Asemade a UCI do HULA conta hoxe con 8 casos covid, fronte aos 7 da xornada anterior.
En canto aos falecementos no día de hoxe non hai que lamentar novas mortes polo virus. En total, na provincia faleceron 285 persoas dende o inicio da pandemia.