O Consello Territorial de Patrimonio Cultural de Lugo, reunido esta mañá, informou favorablemente tres proxectos de obra de interese na nosa provincia nos municipios de Guitiriz, Lugo e Mondoñedo.
O primeiro deles, promovido pola Deputación de Lugo, consiste na obra de reforma e ampliación da Casa da Botica desta localidade, para destinala á residencia de persoas da terceira idade. O visto e prace de Patrimonio autoriza os traballos a desenvolver segundo o proxecto de execución presentado, con dous condicionantes: a cuberta da Casa da Botica rematarase con lousa irregular do país e as chemineas remataranse do mesmo xeito que as fachadas do edificio.
En segundo lugar, o Consello autorizou unha obra no termo municipal de Lugo dirixida á rehabilitación da casa reitoral de Coeses. Neste caso a entidade promotora é a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Lamablanca, Lagoa e Paramelo. A proposta supón o arranxo do sistema estrutural desta antiga casa reitoral con substitución de todos os elementos de madeira por outros novos, aumentando as condicións de resistencia pero mantendo materiais e tipoloxía orixinal. A cuberta resolvese en madeira e remate e pizarra do pais. As fachadas non sofren modificacións excepto ampliación de ocos para mellorar iluminación e ventilación. Mantense a carpintería exterior en madeira de castiñeiro e os sistemas de escurecemento tradicional.
Finalmente, xa en Mondoñedo, o Consello de Patrimonio deu luz verde ao proxecto básico de desescombro e consolidación da fachada dun edificio emprazado na rúa Bispo Sarmiendo, número 13. A actuación, promovida por un particular, sitúase na cidade antiga de Mondoñedo, que foi declarada Ben de Interese Cultural coa consideración de Conxunto Histórico. Na actualidade, a edificación atópase en estado ruinoso polo que os traballos autorizados van no camiño de evitar a progresiva degradación do inmoble. O único condicionante é que o muro de fábrica de bloque previsto na fachada posterior deberá rematarase recebado e pintado.