O Pazo de San Marcos acolle a xornada informativa de ALCER

A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, clausurou este domingo, no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, a XI Xornada Renal que organiza ALCER Lugo. Está dirixida aos doentes de enfermidade renal e nela participaron cirurxiáns, biólogos, farmacéuticos e nefrólogos da provincia de Lugo, que trataron temas como a hemodiálise domiciliaria portátil, os novos tratamentos e investigacións. No acto tamén participaron a Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira; e a Presidenta de ALCER, María José Otero Díaz.

O Goberno da Deputación colabora anualmente con ALCER Lugo cunha achega económica de 5.000 euros para a xestión do transporte dos usuarios que están recibindo tratamento de hemodiálise hospitalaria nos 4 centros da provincia de Lugo: o Hospital Universitario Lucus Augusti, de Lugo, o Hospital Xeral da Costa, en Burela; e as Clínicas de Diálises privadas de Lugo e Monforte de Lemos.

López Izquierdo subliñou que “actualmente na provincia de Lugo están afectadas por algún tipo de insuficiencia renal máis de 30.000 persoas, o que supón o 10% da poboación lucense. Con estes datos, dende as administracións públicas temos que traballar da man e investir máis en investigación, prevención e concienciación, por iso dende o Goberno da Deputación colaboramos con ALCER Lugo na xestión do traslado de 197 lucenses que están a recibir tratamento hospitalario de hemodiálise, a través do servizo de taxis. Grazas o labor desta asociación, Lugo é a única provincia de toda Galicia na que se realiza este tipo de traslado, que resulta fundamental para que os doentes estean o menor tempo posible de traxecto dende o seu domicilio ao centro onde reciben a atención profesional e facer, deste xeito, unha ruta máis accesible”.

Alcer Lugo

A Asociación para la lucha conta las enfermedades renales de Lugo é unha entidade sen ánimo de lucro con fins de carácter social, que se constituíu no ano 1981, e que posúe máis de 450 socios. ALCER LUGO posúe unha oficina e sala de reunións, ademais de contar con varios profesionais, como unha psicóloga, unha administrativa e varios voluntarios. A súa función principal é a de ofrecer información e asesoramento sobre a insuficiencia renal crónica (I.R.C.); acompañamento e apoio nas diferentes etapas do tratamento; asesoramento laboral, legal, nutricional e psicosocial individualizado; e colaborar coa Oficina de Coordinación de Transplantes de Galicia. Ademais de prestar estes servizos, organizan ao longo do ano actividades para mellorar a calidade de vida dos doentes, como obradoiros de cociña, manualidades ou exercicio físico, así como campañas de información e sensibilización.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com