Pechada a investigación sobre a ORA: a causa seguirase contra catro persoas por suborno

O Xulgado de Instrución número 1 de Lugo concluíu a investigación relativa á presunta adxudicación fraudulenta, en 2009, do contrato de xestión do servizo de regulación de aparcamentos na vía pública (ORA) no Concello de Lugo. O maxistrado ordenou continuar a tramitación das dilixencias polos trámites do procedemento abreviado, por se os feitos imputados a un concelleiro que exerceu entre 1999 e 2008; ao que era ordenanza do Concello e delegado da empresa Setex Aparki; ao presidente e fundador do grupo Vendex; e ao que era responsable de Vendex en Galicia fosen constitutivos de delitos de suborno e integración en grupo criminal. O xuíz descarta a posible existencia dun delito de tráfico de influencias porque entende que “non consta acreditado suficientemente a influencia concreta exercida por ningún dos investigados para obter a adxudicación”.

Os feitos con aparencia delituosa versarían, segundo o auto, sobre a actuación concertada dos catro investigados co obxectivo de amañar o concurso da ORA no ano 2008 e adxudicalo de forma “fraudulenta, contraria á legalidade e ao principio de libre competencia, prescindindo do mellor ofertante para a Administración, a Vendex e, máis concretamente, á súa filial, Doal”, así como sobre “o suborno pagado como contraprestación polo anterior”.

“Así o pactaron, segundo resulta indiciariamente do actuado, os catro investigados no ano 2008”, indica o instrutor na resolución, na que sinala que hai indicios de que o concelleiro investigado actuase “como interlocutor político do Concello de Lugo” para lograr facer efectiva esa adxudicación, “coa ilícita contraprestación de 3.500 euros a devindicar cada mes, sumando 42.000 euros ao ano, que el percibiría en pago polas súas xestións”. Con todo, sinala que non consta que o edil “realizase ningún tipo de presión ou influencia no Concello de Lugo para lograr os obxectivos pactados”.

No auto explica que ao concurso público presentaron ofertas económicas Doal e outras tres empresas da competencia, sendo definitivamente adxudicado á primeira, en marzo de 2009, “tal e como acordaran os investigados, en prexuízo das demais empresas concorrentes, da libre competencia, e da eficacia e economía da actuación administrativa”. Aínda que ese concurso foi posteriormente anulado, en maio de 2011, polo Xulgado do Contencioso-administrativo número 2 de Lugo, “a ilícita adxudicataria, Doal, seguiu prestando os servizos da ORA ata que, en xullo de 2015, a entón alcaldesa resolveu suspender a operatividade da ORA ata que se realizase unha nova adxudicación”.

“Deste xeito, resulta haber indicios de que, mesmo a pesar da anulación xudicial por sentenza definitiva, a fraudulenta adxudicataria mantivo a prestación dos seus servizos e tamén perduraron as consecuentes contraprestacións ao seu favor”, salienta o maxistrado, quen asegura que tamén existen indicios de que “se abonaron as cantidades pactadas antes mencionadas desde o inicio da prestación do servizo, en 2009 ata, polo menos, setembro de 2012, mediante reintegro en efectivo en entidades bancarias de Madrid, previa entrega de cheques bancarios expedidos polo presidente do grupo Vendex, e de importe inferior a 3.000 euros”. No auto relata que se enviaba o efectivo á sede do grupo empresarial en Madrid, desde onde, á súa vez, se remitía por unha empresa de transporte á Coruña, á atención do responsable do grupo Vendex en Galicia, “nun sobre branco, oculto o diñeiro dentro de follas do xornal deportivo Marca”. Os envíos, segundo a resolución, realizábanse trimestralmente, “detectándose un total de 12 envíos desde abril do 2011 a xaneiro de 2012 a Galicia”.

O xuíz sinala que eses envíos estaban “minuciosamente organizados e controlados pola organización”. Cando o responsable do grupo en Galicia os recibía, segundo o auto, contactaba co que nese momento era ordenanza do Concello de Lugo e delegado da empresa Setex Aparki, “empregando para iso linguaxe en clave (refírense aos cartos como “a pintura”, ou “os botes de pintura”, “o convenio” ou, metonímicamente, “a prensa deportiva”, etc.) e indicacións falsas, como é propio das organizacións e grupos criminais, e acordan o punto de entrega, que son os domicilios do concelleiro investigado en Lugo, onde se procedía á entrega pactada”. A presunta fraude podería permitir un beneficio ilícito estimado de 13.600.000 euros, segundo o instrutor.

En canto á colaboración do entón alcalde de Lugo na adxudicación a Doal e a súa posterior ampliación, a cambio de diñeiro, “nin hai indicios de que iso fóra así, máis aló da interpretación dos axentes intervenientes nas escoitas de certas referencias”, nin, a pesar da “amplísima investigación patrimonial levada a cabo respecto do mesmo e a súa contorna familiar máis próxima (esposa e fillas), se detectaron incrementos de patrimonio que puidesen reflectir a cobranza dalgún tipo de comisión, mordida ou suborno”, segundo o xuíz.

O maxistrado deu traslado do auto ao Ministerio Fiscal e ás acusacións persoadas para que formulen escrito de acusación no que soliciten a apertura de xuízo oral ou o sobresemento da causa, sen prexuízo de que poidan solicitar, excepcionalmente, a práctica de dilixencias complementarias que consideren indispensables para formular acusación. Ademais, acordou o sobresemento provisional e arquivo da causa respecto ao resto dos investigados. Contra o auto cabe presentar recurso.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com