Había xa tempo que non presentaba un concerto no Círculo, porque seica atopou a fórmula de rendibilizar económicamente os froitos culturais organizados por outros.
Hai entidades – agora, case todas oficiais – que ceden gratuitamente os seus locais para actividades culturais, cando en tempos a iniciativa privada ou comercial abría de par en par as súas instalacións para actividades que, doutro xeito, non poderían celebrarse.
Preclaro exemplo foi Jesús de Sargadelos, coa Galería aberta á cultura, facendo nela acubillo para moitos que non terían outro sitio onde acollerse. O decaer físico de Jesús, e ao fin o seu pasamento, fixo desaparecer un centro cultural onde todo era posible.
Centro ben xeitoso era o da extinguida Caixa Galicia, e alí houbo ducias de conferencias, concertos, presentacións, que desapareceron na actualidade xa que para celebrar alí un acto hai que pagar, que para iso é un banco, e números e letras non encaixan de xeito doado.
Tamén o Círculo, que durante décadas a maior parte da súa sona cultural viña das actividades que acollía e o magnífico salón rexio foi o termómetro cultural da capital, agora pretende cobrar por utilizalo. Enténdese querer rendibilizar o patrimonio, pero a sona popular é que o que alí aconteza é unha actividade do Círculo, así que ganarán en diñeiro pero recortarán en prestixio e repercusión. Outra que tal a USC, que abandona o centro, pecha actividades e restrinxe o acceso como se a cultura non formase parte do Saber.
Aínda quedan lugares para utilizar gratis pola cultura, a Deus grazas, e ata as igrexas se prestan a estes fins. Os que se pechen por cartos, ben pechados estarán.