O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, lanzou esta tarde unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía galega, á “que pediu que confíe só nas fontes oficiais para informarse sobre a crise da electricidade que afecta a España desde esta mañá e evite os desprazamentos innecesarios para aforrar combustible e evitar posibles incidencias”. Tamén reiterou a recomendación dun uso limitado dos servizos de comunicación telefónicos para garantir as conexións no caso en que se produza algunha emerxencia.
Pedro Blanco incorporouse a primeira hora da tarde á reunión do órgano de coordinación tras a activación do nivel 2 do Plan Territorial de Emerxencias de Galicia (PLATERGA) por parte do director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia. Nesta reunión está acompañado polo xefe superior de Policía de Galicia, Pedro Pacheco; o xeneral xefe da 15 Zona da Garda Civil de Galicia, Miguel Ángel González e a xefa da Unidade de Protección Civil da Delegación do Goberno, María Dolores Gómez.
O delegadodestacou a ausencia de incidencias de seguridade cidadá durante as horas posteriores ao fallo e informou de que tanto Garda Civil como Policía Nacional teñen activados todos os seus efectivos para garantir a atención de calquera emerxencia e facilitar os traballos dos equipos de Protección Civil. Nesta liña, lembrou á cidadanía que realice un uso responsable destes servizos.
A nivel provincial, os subdelegados e as subdelegadas do Goberno nas catro provincias galegas tamén están coordinando durante a tarde a resposta dos operativos de seguridade en cadansúa provincia a través de xuntanzas cos responsables das Comandancias da Garda Civil e das comisarías provinciais de Policía Nacional. Tamén manteñen abertas as canles de comunicación e colaboración cos alcaldes e alcaldesas para garantir que os operativos a nivel local, sobre todo nas principais cidades de Galicia, estean optimizados.
Imaxe: Pixabay