ADEGA e Mariña Patrimonio, veñen de emitir un comunicado a tenor da actualización da información do visor de aproveitamento forestal, onde piden que a Xunta que o retire, por mor dos erros detectados, de “toda circulación pública mentres, non se realice a revisión da actualización dos datos dos límites xeográficos, , dos elementos patrimoniais do país, por parte da Consellería de Cultura.
Asemade, “requiren á Consellaría de Medio Rural, a que non outorgue autorizacións para cortas ou plantacións forestais naqueles predios nos que non estea garantida a protección e a correcta delimitación de xacementos e doutros elementos patrimoniais. Doutro xeito, tanto a Consellaría de Medio Rural como a de Cultura poderían estar favorecendo a destrución de xacementos arqueolóxicos catalogados e protexidos e que os propietarios forestais se enfronten a elevadas sancións”.
Segundo dito comunicado, “un dos principais obxectivos desta tarefa, que implicou un investimento de 1.100.000 euros, era o de actualizar a información xeográfica relativa ao Patrimonio Cultural de Galiza, é dicir, revisar e mellorar a xeolocalización e delimitación dos BIC e doutros elementos do inventario do patrimonio cultural, como castros, mámoas ou petróglifos, para poñela a disposición de calquera usuario a través do visor xeográfico da Xunta na rede. A información contida neste visor ten carácter oficial, polo que unha correcta actualización da mesma facilitaría aos propietarios forestais a consulta sobre a existencia de elementos patrimoniais naqueles predios nos que se dispoña a realizar algún labor forestal, así como os trámites de autorización”.
Pero, as devanditas asociacións, afirman que “malia que as intencións eran boas, ADEGA e Mariña Patrimonio detectaron que os límites marcados dun considerable número de xacementos arqueolóxicos non se corresponden cos seus límites xeográficos reais, poñendo en risco esas zonas arqueolóxicas que deberan estar protexidas. Os erros detectados, malia non ser xeneralizados, afectan a unha considerable parte do territorio galego e resulta especial- mente rechamante que os límites de xacementos situados en concellos onde está aprobado o Plan Xeral de Orde- nación Municipal non coincidan coa delimitación contemplada no catálogo de xacementos delimitados dos PXOM”.