Pilar, a ‘Señora do Belén de Begonte’

O medio século do Belén márcanos unha distancia temporal que notamos nas forzas e nas ausencias. E dóenos a alma cando as ausencias se chaman D. José, Milagros, Teté, José Antonio, Varela ou Pilar.

Hoxe despedimos á nosa nai, a nosa irmá, a nosa filla Pilar Gómez García, que para nós era Pilar de Begonte, Pilar do Belén, que nos deixou antonte, e aínda sabendo que está no lugar perfecto, dóenos perder a súa ledicia compañeira, o seu ánimo permanente, a súa sorrinte ilusión.

Está no lugar perfecto porque xa está co seu Varela. Ai, o meu Vareliña!, suspiraba, e iluminábanselle os ollos aos que tamén asomaban as bágoas, lembrando con ledicia e con dor aquel santo varón creador do Belén, do que tanto aprendemos todos os seus numerosos amigos.

Porque Pilar, mantendo íntegros os afectos, as devocións, o agarimo, non era a mesma desde a desaparición física do seu Vareliña, e aínda sabéndose querida por todos, agarimada polos dous fillos e todos os familiares, sentía que sen Varela perdera unha das razóns de vivir… E certamente, coñecéndoa a ella, a Varela e o seu contorno familiar, todos sabíamos que a perda era irreparable. Para ela, por amor e por vida común; para todos nós, por amizade e pola vida transmitida a través do Belén.

E agora temos a triste obriga de despedir á Señora do Belén. Hai moitos anos, moitos, que Varela foi natural socio de honra do Belén, e non tantos que da nome ao “Museo José Rodríguez Varela”, Museo do Belén. Pero Pilar era a “Señora do Belén”, con todo o que o concepto significa.

Cando Varela construia figuras para o Belén, o pelo era o pelo de Pilar; cando entrabamos no Belén, ulíamos a Pilar con aquel recendo de caldo do país requentado en cada sesión do Belén que Pilar preparaba para darlle máis vida… Cando se abríu o primeiro belén en 1972, aparecen Pilar e Pilarita nunha foto que gardamos no corazón; cando en 1977 se fixo a gran ampliación e vese a Don José coa sotana chea de cal picando nunha parede, aparece Pilar dando ladrillos para a obra… Pilar, sempre a primeira no traballo, na aperta, no sorriso, na ledicia… na comprensión.

Váisenos a primeira man que meceu o berce, a primeira en todo; parte esencial da familia que levamos construíndo medio século e coidabamos nos iba acompañar moito tempo, sen decatarnos de que esa compaña vai ser desde o alén porque Varela a chamaba a cotío.

Castelao soñou unha “Alba de gloria” nun tempo feliz no que vía desfilar diante si os grandes persoeiros da historia de Galicia. No Belén imos ter tamén unha “Alba de gloria” para os nosos máis nosos, cun lugar de honra para Pilar de Begonte, “a Señora do Belén”.

(Palabras de Xulio Xiz – Vicepresidente do Belén de Begonte – na igrexa parroquial begontina o 23.03.2023)

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com