O cambio de sinalización no barrio da Piringalla que está a levar a cabo o Goberno municipal será efectiva dende mañá martes, segundo confirmou hoxe mesmo o Gabinete de Tráfico da Policía Local. Deste xeito, tal e como xa anunciara a Alcaldesa, Lara Méndez, a rúa Santo Grial, no tramo comprendido entre a rúa Lavandeira e Angelo Colocci, e a rúa Angelo Colocci, entre Santo Grial e Gallego Tato, serán zonas limitadas a 30 km/h.
O Goberno adoptou estas medidas na contorna do colexio con máis alumnado matriculado da cidade, o Luis Pimentel, e con dous institutos que concentran uns 1.000 rapaces e rapazas – Muralla de Lugo e Ánxel Fole-. Ademais, cumpre así un acordo plenario, o de dotar de zonas 30 no entorno dos centros escolares, ao igual que fixo xa na Avenida Ramón Ferreiro e na rúa Rodríguez Mourelo o pasado mes de outubro.
Ao mesmo tempo que se produce este cambio de velocidade, tamén se repintou a sinalización de 9 pasos de peóns nestas rúas, e outros catro en Gallego Tato, onde recentemente se instalaron pasos de peóns con luces led. O goberno de Lara Méndez complementou ademáis esta acción co repintado das marcas viais e os tres pasos de péons do cruce de Santo Grial con Mar Cantábrico e Manuel María.
Paralelamente, tamén se realizará o cambio circulatorio na rúa Avutarda, pasando a ser de sentido único, todo elo coa finalidade de mellorar a seguridade e a circulación da zona.