Plácido Vila

Vivo na Milagrosa, onde hai tempo entrar no recinto murado era “ir a Lugo”, e agora – integrados mesmo nominalmente – o que antes parecía distante, a paso setentón faise en vinte minutos, e trinta se temos a ousadía de levar o coche.

O centro de saúde da rúa Río Ser figura como da Milagrosa, pero os que levamos media vida por acó chamásmoslle Plácido Vila, lembrando o afable xinecólogo que, xunto coa súa muller, Asunción Alonso, tamén doutora, aventurouse a promover un centro médico en tempos nos que os temas sanitarios aínda non eran de atención xeral, e alí viñeron dar a luz as mulleres da zona e doutras moitas procedencias, pola confianza, a atención e o trato.

Os meus fillos naceron en Plácido Vila, atendidos polo matrimonio rector da instalación, e nunca a esta se lle chamou sanatorio, centro médico, clínica ou maternidade. Era Plácido Vila. Máís aínda: á rúa citámola como “a de Plácido Vila”.

Plácido morreu novo, cando xa a Seguridade Social adquirira o centro que aquel matrimonio emprendedor abrira. Lémbroo, pelo moi branco, boa planta, saludador, sorrinte… Asunción, tamén saudadora sorrinte, viaxeira, leda, camiña as rúas lucenses coa seguridade de que todos a coñecemos e lembramos o seu papel en axudar a que os nosos fillos viñesen con ben ao mundo.

Está en marcha a iniciativa de denominar a este Centro de Saúde co nome do seu creador. Paréceme xusto, por unha parte para acomodar a denominación oficial á real que fomos elaborando milleiros de usuarios daquel emblematico centro, pero tamén para facer xustiza a Plácido e Asunción que abriron camiños de saúde que transitamos con ledicia, e fan que os lembremos con admiración e afecto.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com