A Xunta de Galicia limitará durante a Semana Santa –en concreto, do sábado 19 ao luns 28 de marzo, ambos incluídos- o acceso ao monumento natural das Catedrais. Esta acción dá continuidade ao Plan de conservación deste espazo que se aprobou en xuño do ano pasado, e que establece unha afluencia máxima de 4.812 persoas diarias en tempada alta, isto é, en Semana Santa, xullo, agosto e setembro.
Así o explicou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante unha rolda de prensa na que estivo acompañada polo alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez.
O Plan de Conservación fixa unha cota máxima de 4.812 persoas diarias. Para facilitar a obtención da autorización, púxose en marcha unha páxina web, que permite facer a reserva de forma sinxela e gratuíta. O sistema xa funcionou o verán pasado, no que se recibiron preto de 240.000 visitantes.. Actualmente, as persoas interesadas xa poden realizar as reservas para os días de Semana Santa.
Reparto por cupos
As 4.812 autorizacións vanse repartir por cupos entre distintas entidades públicas e privadas. A inmensa maioría distribuirase a través da páxina web, en concreto, un total de 3.486. Outras 480 autorizacións serán xestionadas pola Mancomunidade de concellos da Mariña Lucense; 240 polo Clúster de Turismo de Galicia; 329 polos hoteis de Ribadeo; 165 para a empresa de autobuses EOCAR, sempre que confirme que vai realizar a ruta Ribadeo-As Catedrais; e 112 para os taxis de Ribadeo.
Na entrada ao areal haberá catro profesionais que controlarán o acceso, informarán sobre o xeito de conseguir a autorización a aqueles visitantes que non a teñan, e ofrecerán información sobre os servizos existentes, así como sobre outros lugares de interese.
Tamén haberá catro persoas encargadas de xestionar as áreas de aparcamento e de axudar aos condutores a atopar unha praza. No Plan da Xunta tamén se coordinan as prazas de aparcadoiro, co disporase de catro aparcamentos distintos e gratuítos: dous deles no concello de Ribadeo, un próximo ao monumento natural, con capacidade para 120 turismos e 4 autobuses; outro a quilómetro e medio, na praia de Barreiros, con capacidade para 70 coches e 10 autobuses e unha superficie anexa para 140 turismos; e, durante a Semana Santa, o concello de Barreiros habilitará unhas explanadas a maiores para estacionar vehículos.