Plan Único 2022: 15M€ para obras; 3,5M€ para emprego e 3,2M€ para o SAF

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou hoxe que o Goberno elevará a un Pleno extraordinario, que se celebrará o vindeiro martes 5 de abril, o debate e aprobación da relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2022, que nesta anualidade conta con 21,5M€ de fondos da institución provincial.

As entidades locais danlle prioridade aos investimentos -aos que dedicarán 14,6M€, preto do 70% do total dos fondos, para acometer máis de 560 obras e subministracións- seguido da creación de emprego, á que destinan 3,5M€, cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,2M€ para atender a máis de 3.000 persoas. Dedicarán tamén 200.000€ para medidas sociais e económicas de loita  contra o impacto da pandemia.

Para o Plan Único 2022, a Deputación achega 21,5M€, unha cantidade importante coa que o Goberno provincial reforza o seu compromiso de cooperación cos concellos para que poidan manter e mellorar a prestación de servizos á cidadanía. Este programa de investimentos inxecta en total máis de 25M€ de fondos públicos na sociedade e na economía sumando os 21,5M€ que dedica a institución provincial e as achegas dos concellos.

Este é o segundo ano consecutivo no que tanto as bases como as actuacións do Plan Único saen adiante con tanta antelación e o Presidente destacou que é moi importante porque “permite aos concellos, tanto planificar as accións municipais con maior antelación, como traballar con máis previsión e tempo, co que aproveitan mellor os recursos económicos”.

Así mesmo, José Tomé destacou que cada ano “melloramos” as condicións do Plan Único “para que sexa máis útil” ás administración locais, destacando neste sentido que no 2022, como novidade, os concellos só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando trámites intermedios. Desta forma, os concellos dispoñen de prazo máximo para executar as accións que contemplan no Plan Único ata o 31 de outubro de 2023 e para xustificar, o 15 de novembro do vindeiro ano.

Os concellos presentaron as súas propostas para investir estas importantes partidas económicas da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); fomento do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; protección civil; e emerxencia sanitaria coronavirus Covid-19.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com