A plataforma en defensa da sanidade da Mariña reta a Balseiro a un debate público

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña lánzalle un reto ao delegado da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, para que “se tan seguro está das bondades do anteproxecto de modificación da Lei da saúde que vén de presentar o Partido Popular, que acepte debater cunha persoa representante da Plataforma sobre o tema”, sinalan.

Desde a Plataforma afirman que “non é lexítimo que o representante da Xunta se dedique a lanzar consignar e a lanzar datos sen un mínimo de contraste coa realidade que avale as afirmacións que sostén”, aseguran que o debate sobre a área sanitaria e as consecuencias de implantar o que tildaron de “área HULA” é unha cuestión seria que afecta aos veciños da costa lucense. “Por iso non pode liquidarse con catro afirmacións maliciosas repetidas ata a saciedade e carentes de veracidade ou con fotos diante duns ladrillos. Fotos, por certo, que amosan ben clara a situación do Partido Popular neste tema: sen ninguén que se atreva a arroupalos nesta decisión”, afirman.

A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública na Mariña propón un debate público, nun espazo aberto ao que poida acudir público e moderado por profesionais dos medios de comunicación. “Se teñen a certeza de que o que están defendendo é o mellor para a Mariña, que dean a cara e deixen de agocharse detrás de titulares. Que se atreva a debater o señor Balseiro ou que mande algún recadeiro, como o seu pupilo, Daniel Vega”, conclúen.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com