O Pleno aproba a exención do IBI á Xunta para equipar o Auditorio

Se hai un tema do que se fale últimamente na cidade de Lugo, é da decisión da alcaldesa de asinar un convenio coa Xunta no que o ente autonómico se compromete a equipar o novo Auditorio por un valor de case 3,5 millóns de euros, a cambio de quedar exentos de pagar o IBI de cinco centros de saúde, o que supón restar ás arcas municipais preto de 400.000 euros.

A pesares de que esta moción xa se levara a pleno noutra ocasión, aínda se atopaba en periodo obrigado de alegacións e, ao ter Lugonovo presentada unha, non había máis posibilidade que volver a levala a pleno agora sí, para a súa aprobación definitiva. A moción obtivo os votos a favor do equipo de goberno e do PP e os votos en contra do resto de oposición, quen non están de acordo en restarlle o IBI á Xunta “cando se nos dixo máis dunha vez que o IBI non se podía tocar nin para beneficiar ás familias máis desfavorecidas”, denunciaba a voceira de Lugonovo, Cristina Pérez.

A alegación presentada por Lugonovo quedou desestimada, e a moción, finalmente, foi definitiva. Agora só fai falta esperar ata finais de 2018, ou principios do 2019 para ter un Auditorio completamente equipado na cidade.

Liñas de buses e grandes áreas comerciais

Outras mocións aprobadas no pleno foron as presentadas polo BNG-AA. A primeira delas, en contra da promoción de novas grandes áreas comerciais que podan afectar “novamente” ao pequeno comercio da cidade. E, a segunda, en forma de petición para que o goberno municipal dea explicacións sobre a situación das novas liñas de autobuses e reclame información sobre os novos trazados e servizos. O BNG xa anunciou que levará iniciativas ao pleno neste mesmo senso ata que o goberno municipal dea explicacións.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com