O Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros aprobou por unanimidade este luns as propostas que levou o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, para mellorar os salarios dos bombeiros cos 330.000 euros que este ano si achegou a maiores o Goberno Provincial a este organismo precisamente para este fin; e a creación dun grupo de traballo para o cambio de xestión dos parques, pasando ao público, a partires do 2019, que é cando rematan os contratos das empresas que actualmente se ocupan da mesma, no que tamén participe a administración autonómica, pois, ata o de agora, só traballaron neste eido de xeito solitarios as Deputacións de Lugo, A Coruña e Pontevedra.
A Xunta de Galicia non ten previsto polo de agora incrementar a súa aportación ao Consorcio noutros 330.000 euros como a Deputación de Lugo para poder equiparar os salarios dos bombeiros de Lugo aos dos seus compañeiros en Galicia e, concretamente, aos de Ourense, que son os que máis cobran porque, pola contra, neste caso a Xunta si aumentou a súa achega económica.
Polo tanto, o Consorcio Provincial de Bombeiros emitirá os informes necesarios para mellorar, e non equiparar, as condicións salarios destes profesionais en Lugo tan só coa achega que si fixo o Goberno da Deputación de Lugo. Será necesario, por exemplo, e entre outras cousas, modificar o convenio entre traballadores e empresas ou os Estatutos do Consorcio, pois este recolle que dito organismo está financiado ao 50% por Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia e, agora, o organismo provincial incrementa a súa aportación.
O Presidente da Deputación levou outras dúas propostas tamén aprobadas, que consisten no estudo das denuncias feitas polos comités de empresa ao respecto de presuntos incumprimentos nos pregos de condicións e melloras ofertadas polas entidades que resultaron beneficiadas da xestión dos parques, que estarían afectando ás condicións dos traballadores e á prestación deste servizo na provincia; e na regulación da bolsa de emprego dos bombeiros para que se acuda a esta no caso de ter que acudir a contratación de persoal cualificado para a prestación dun servizo de calidade.
Outro acordo acadado supón que a Presidencia do Consorcio Provincial de Bombeiros de Lugo deixe de ser rotatoria entre o organismo provincial e a Xunta de Galicia.
Pola súa banda, a Xunta de Galicia valora positivamente os acordos unánimes acadados no Pleno do Consorcio Provincial de Bombeiros e Salvamento na provincia de Lugo, por canto contribúen a desbloquear moitas das cuestións pendentes neste organismo, pero lamentan que estes compromisos non se adquirisen antes, xa que logo, todos eles teñen como base acordos previos que a Deputación de Lugo non desenvolveu durante todos estes meses de tempo perdido.