O Grupo Provincial Popular e o deputado do grupo de non adscritos, Manuel Martínez, volveron sumar os seus votos para botar por terra as iniciativas do Goberno, pero tamén para aprobar mocións. Esta unión de forzas conseguiu que a Deputación se vexa obrigada a apurar a elaboración dos orzamentos para o ano 2016. Foi a través dunha moción presentada polos populares na que se esixe a presentación das contas para o ano que vén nun prazo de 15 días.
A voceira do grupo popular, Elena Candia, defendeu que os orzamentos son “un instrumento indispensable na provincia nos que se recolle un proxecto para Lugo “do que a todas luces parecen carecer socialistas e nacionalistas”.
Ademais, o grupo de goberno presenciou como os votos en contra de PP e Martínez, expulsado de forma cautelar do PSOE, tombaban a proposta do Goberno para reformar o Regulamento Orgánico da institución. O deputado socialista, Álvaro Santos, propoñía a creación dun grupo de traballo para abordar esta modificación “que debe ser ambiciosa”, e mencionou a situación política actual da corporación, lembrando que “unha das cuestións que hai que regular de forma máis definida e concreta son as posibilidades do grupo non adscrito”.
Un grupo de traballo que, segundo o Goberno, estaría presidido polo presidente e contaría tamén con dous representantes de cada grupo político así como o deputado do grupo de non adscritos, e que nun prazo de tres meses tería que contar cunha proposta de novo regulamento.
Pero o grupo de goberno topouse coa oposición, primeiro de Martínez, que propuxo varios cambios, entre eles dos membros do grupo de traballo. Para o deputado, “a comisión debe reproducir a situación que se dá actualmente na Deputación, que é de 12-12 máis 1, de forma que o PSOE non ten maioría na corporación para tela nesa comisión. Por iso propoño que estea o presidente, dous do PSOE, un do BNG, catro do PP e eu, o cal formaría un grupo impar para evitar empates”. En canto ao prazo, Martínez propuxo reducilo de 3 meses a 1. “Se todos temos as ideas claras e somos ambiciosos cun mes con catro sesións semanais sería prazo suficiente”, matizou.
O Grupo Popular pola súa banda sumouse aos cambios de Martínez e, ademais, criticou ao grupo de goberno polo que consideran un incumprimento dos acordos plenarios. “O 24 de novembro esta corporación encomendoulle ao Goberno un traballo claro, e é que neste pleno de hoxe trouxese unha proposta de regulamento, pero non fixeron nada”, asegurou o deputado popular Juan Carlos Armesto. Aínda así, o grupo socialista mantivo intacto o punto da orde do día sen atender a emenda de Martínez, polo que tanto o deputado non adscrito como o popular votaron en contra de facer unha reforma do regulamento coas condicións do Goberno Provincial.