Como chegamos a isto? Pois coido que foi por mor dunha serie de equivocacións en cadea que deron como resultado o inmenso desconcerto no que está sumida a vida política da capital e da provincia.
Equivocouse José Ramón Gómez Besteiro ao renunciar a presidir a Deputación de Lugo por terceira vez. Cales eran as bondades desta decisión? Non tería sido mellor comezar o terceiro mandato e renunciar para presentarse como candidato á Xunta? Ninguén podería terlle posto tacha a tal decisión, pois ata ser nomeado candidato a presidir o goberno galego sempre poden ocorrer cousas impredicibles, aos feitos me remito. Este método utilizouno Martiño Noriega non renunciando a alcalde de Teo ata o último momento, e a cousa funcionou.
Equivocouse o Partido Popular de Lugo ao insistir cun candidato ao que non quería unha parte do propio partido. Equivocouse o PPdeG, é de que xeito!, rebentándolle a campaña aos “compañeiros” de Lugo: primeiro a Castiñeira co da Hemodinámica, e logo a Elena Candia coa postulación de Raquel Arías para presidir a Deputación.
Equivocouse Orozco ao querer seguir sendo candidato, fiando todo a conseguir que a súa lista fora a mais votada, porque doutro xeito ben sabía que ninguén o ía apoiar para alcalde. Equivocouse Santín ao rexeitar, logo dunha longa noite, a ser nomeado candidato a alcalde de Lugo. Se o tivese aceptado, hoxe seríao.
Equivocáronse os deputados provinciais socialistas ao votar un candidato que non estaba claro que puidera ter os apoios suficientes para acadar a presidencia, e posteriormente equivocouse o partido ao retirarlle a confianza ao candidato elixido. O lóxico tería sido que os deputados do Psoe votaran a Martínez, candidato designado democraticamente, e que foran outros os responsables do desaguisado.
E equivocouse, en fin, o Bng de Lugo por non impoñerse e seren eles os negociadores, deixando as negociacións nas mans dos de Santiago, como fixo Lores en Pontevedra onde impuxo a súa autoridade comunicando que alí negocia el.
Parece ser que os deputados do Bng lugueses non estaban polo labor de chegar ao extremo que se chegou, pero os de Santiago quixeron utilizar a Deputación de Lugo como moeda de cambio nas negociacións que manteñen pola da Coruña e a cousa acabou como acabou.
Nunha inmensa, formidable equivocación.
Eloi Caldeiro.