A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, informou este venres de que a modificación das ordenanzas fiscais debaterase nun pleno extraordinario que foi convocado esta mesma mañá para o vindeiro martes, 1 de decembro, ás 16:00 horas. “Vamos a debater as ordenanzas, como non pode ser doutro xeito, porque ademais algúns dos cambios propostos obedecen a peticións de colectivos, asociacións e movementos veciñais, como as taxas por ocupación de vía pública con terrazas e grúas”, afirmou Méndez. O martes “cada un mostrará a súa posición ao respecto. O único que fixo Castiñeira foi obrigar a pospoñer un debate, que, en vez de onte, se fará a semana que vén”, recalcou.
Lara Méndez agradeceu “o esforzo” de todo o equipo técnico do servizo municipal de Facenda “polo gran traballo que fixeron durante estes meses”, tendo en conta ademais “a complexidade” que leva consigo o cambio das ordenanzas, que en moitos casos consistiu na súa adaptación á normativa vixente.
A Alcaldesa subliñou que, despois de varios anos nos que non se modificou ningunha ordenanza, o Goberno estivo traballando nesta proposta dende que tomou posesión en xuño e esta foi abordada en dúas comisións de contas “fomentando o debate e a participación”, polo que “non é nada improvisado”.
Neste senso, Lara Méndez considerou “curioso, paradoxal e incongruente” que, sabendo de antemán que o cambio das ordenanzas ía fóra da orde do día do Pleno de onte, por vía de urxencia, os grupos da oposición “non dixesen absolutamente nada ao respecto na Xunta de Voceiros do luns, nin nas dúas comisións de contas previas, a última o mércores, o día antes da sesión plenaria”.