O Pleno provincial aproba unha modificación de crédito a favor da mellora dos servizos públicos

Xornada de Pleno na Deputación, na que se aprobou por unanimidade unha modificación do orzamento do ente provincial coa que se incrementa o presuposto de 2017 incorporando ao mesmo máis de 5,2 millóns de euros, procedentes de remanentes. O Presidente, Darío Campos Conde, detallou antes de iniciar a sesión plenaria as
actuacións que se levarán a cabo no conxunto da provincia.

Campos explicou que 500.000 euros serán destinados á prestación na provincia dun servizo integral de custodia de animais abandonados. O Goberno Provincial mantivo varios encontros coas asociacións de protección animal da provincia para coñecer de primeira man as súas necesidades, tendo en conta, ademais, os limitados recursos dos Concellos. Do medio millón de euros, 85.000 son para a dotación de instalacións de garda e custodia de animais no Concello do Valadouro para prestar este servizo, aos municipios da zona norte da provincia; 100.0000 euros á dotación destas instalacións de garda e custodia de animais no Concello de Sarria para prestar este servizo aos municipios da zona sur da provincia; e 315.000 euros á mellora das instalacións da Protectora de Animais e Plantas de Lugo para os Concellos da zona centro.

O Goberno Provincial intensificará a colaboración cos colectivos de protección animal con novas axudas xa previstas. Deste xeito, concederá outros 35.000 euros á asociación de Xermade e tamén avanza na colaboración co colectivo de Monforte de Lemos.

Seguindo coa engádega dese remanente, o executivo provincial destinará 1 millón de euros, dividido a partes iguais, para os centros da terceira idade de Portomarín e Folgoso do Courel.  En acordo cos Concellos, será a propia Deputación, e non SUPLUSA, a entidade responsable da execución destas dotacións sociais. Polo tanto, anúlase a transferencia de crédito á Sociedade Urbanística Provincial e incorpóranse estes fondos ao orzamento da institución para 2017.

En ambos os dous casos, asinaranse convenios de colaboración mediante os cales os Concellos cederán á Deputación os terreos, ademais de facer unha achega económica, mentres o organismo provincial encargarase da execución das obras, a maiores de asumir o financiamento das mesmas, así como o dos equipamentos.

Case outro millón de euros dese total de 5,2 millóns, irá destinado á mellora da LU-P- 1901 da Fonsagrada a Navia de Suarna. Trátase da única estrada que une os Concellos da Fonsagrada e Navia de Suarna, ademais de vertebrar a Comarca da Montaña, pois conecta con outras importantes vías, como as autonómicas de Becerreá a Navia de Suarna ou de Lugo á Fonsagrada. Con este investimento, incrementarase o ancho da calzada ata acadar os 6 metros, ademais de mellorar o firme e incrementar a sinalización.

Por último, máis de 2,7 millóns de euros (2.763.889 euros) será utilizado para transferencia a Concellos, incrementando a cooperación cos municipios da provincia logo de investir, entre o orzamento do 2016 e o Plan Único de 2017, 60 millóns de euros nos 67 Concellos.

A pesar da aprobación por unanimidade, a presidenta do PP provincial, Elena Candia, tildou esta modificación dunha “manobra evidente” do goberno provincial dado que, dixo, a aparición destes remanentes “evidencia unha media verdade”, valorando así a negociación do Plan único, no que os socialistas consideraron que non se podía ampliar o orzamento deste plan de cooperación cos concellos.

Candia criticou tamén que o goberno provincial non ampliara as explicacións ao respecto dos 2,7 millóns de euros para transferencia a Concellos, e anunciou que o seu partido estará vixiante ante esta repartición.

Por outra banda, os alcaldes de Folgoso do Courel e de Portomarín anunciaron que solicitarán mañá mesmo a sinatura
do convenio para a construción das residencias nos seus concellos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com