O Pleno rexeita o proxecto de orzamentos de Lara Méndez para 2018

Con toda a oposición en contra. Así saíron rexeitados, case por unanimidade, os orzamentos do vindeiro ano para o Concello de Lugo. Todos os grupos votaron “non”, como xa viñan avanzando, a uns presupostos que xa se tildaran de “pouco cribles” e “impostos” hai días.

E esa foi a liña que seguiron os grupos municipais para xustificar a negativa ao documento de contas. Cinco grupos moi diferentes entre sí, pero que conseguiron pórse de acordo para dar as costas ao equipo de Goberno de Lara Méndez. Un consenso que todos eles botaron en falta á hora de decidir que proxectar nos presupostos do 2018.

A edil de economía, Ana Prieto, foi a encargada de resumir as partidas orzamentarias que propoñía o Concello, e empezou lembrando que non só se votaban os orzamentos nese pleno senón tamén o Plan Económico Financieiro, que os de Lara Méndez,  tiñan a obriga de presentar por incumprir “unha regra de gasto imposta inxustamente sen ter en conta se o Concello está saneado ou non”.

95,3 millóns de euros son os que tiña presupostados o goberno local “o orzamento máis inversor dende o 2009, cun aumento do 40% en investimentos con respecto ao 2016”, todas as bondades do documento foron expostas por Ana Prieto ante o Pleno. Pero non foron suficientes para conseguir os apoios de ningún grupo.

E comezou Alternativa Cidadá de Esquerdas-Esquerda Unida (ACE-EU) o debate. O seu voceiro, Carlos Portomeñe, esquematizou o seu discurso en tres partes, que foron o eixe tamén dos demáis grupos: as formas, a execución e o propio proxecto.

As formas, ás do executivo local á hora de presentar os orzamentos, facendo analoxía co Process catalán, o voceiro do grupo mixto, asegurou que o goberno local “fixo unha declaración unilateral de orzamentos”. Idea, a da analoxía catalá que tamén seguiu a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, quen baseou todo o seu discurso en comparacións entre o Process e os últimos acontecementos de Lara Méndez. Nas formas, os demáis grupos criticaron tamén as ameazas da Federación de Veciños.

“Chegamos con todo pechado, sen intentos de buscar ningunha posición dialogante”, criticaba o voceiro dos nacionalistas, Rubén Arroxo. Unha vez máis, os grupos lamentaron que a rexedora non buscara consensos á hora de redactar este proxecto. “É a crónica dunha morte anunciada, vostedes nunca creron nestes orzamentos, son tan bós que morreron de éxito (…) fracasaron antes de saír á luz”, afirmaba Antonio Ameijide, voceiro do grupo Popular, quen falou tamén da “falta de humildade” e a “soberbia” dunha alcaldesa “que quixo impoñer os orzamentos.

En canto á execución, todos os grupos fixeron referencia á pouca credibilidade do proxecto de Lara Méndez, no entando que se comparaba cos últimos orzamentos aprobados, os do 2016, dos que non se levaron a cabo gran parte das partidas prometidas polo goberno local. “Podemos estar de acordo co 90% dos orzamentos, e non estamos en contra de ningún, pero perdemos confianza”, aseguraba Arroxo, “están pedindo que se aprobe un orzamento difícil de executar, unilateral e con cuestións clásicas e moi pouco de fiar”.

Por último, e falando do propio proxecto, como era de esperar, cada grupo botaba en falta certas partidas, pero unha das máis nomeadas no salón plenario, foi a demolición das Torres do Garañón o que, non facelo “sería unha temeridade”.

“Non nos sentimos ameazados por ninguén, só con responsabilidade de dicir que non a un burdo engano aos lucenses”, remataba o voceiro dos populares.

Cuestión de confianza

Tras a negativa da oposición a estes orzamentos, o Goberno local vése na obrida de vincular a aprobación do Orzamento 2018 a unha cuestión de confianza que se abordará en Pleno a vindeira semana. Pola contra, a Corporación deu en cambio luz verde ao Plan Económico Financeiro (PEF) que tivo que elaborar o Concello ao incumprir a Regra de Gasto no 2016 por pagar as expropiacións do Carme.

A Alcaldesa, Lara Méndez, subliñou que no Pleno de hoxe “o que quedou de manifesto é que sen lugar a dúbidas podían saír seis proxectos orzamentarios distintos porque do que se trata nun orzamento é de marcar as prioridades e cada grupo ten prioridades distintas. Aínda así, como se dixo no propio debate, a inmensa maioría das propostas que nós levamos nestas contas poderían compartirse. Nós defendemos un orzamento para seguir implantando un modelo de cidade no que levamos traballando desde que comezamos o mandato coa consecución de fondos europeos. Este orzamento, como xa manifestei fai dous días no Debate do Estado da Cidade, no CES e tamén nos medios, é investidor e social”.

Ante esta cuestión de confianza, a voceira de Lugonovo xa anunciou esta mañá que o seu grupo estase a reunir coas forzas da esquerda para favorecer esta moción. “Queremos que o noso voto na sesión da Cuestión de Confianza sexa útil para a cidadanía e así nos decantaremos. Agardaremos, polo momento, a coñecer a decisión que tomarán o resto das forzas da Corporación ao respecto, manifestando, iso si, que o noso propósito non é o de atrasar algo inevitable porque Lugonovo nunca propiciará un executivo de dereitas”, conclúe Cristina Pérez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com