A candidata á alcaldía, Ximena Cheda, incide no dato de que xustamente as familias máis vulnerables son as que quedan fóra destas axudas polas dificultades de acceso á dixitalización. Por elo vén de instar ao Concello de Lugo a que reforce os servizos que faciliten á veciñanza o acceso á axuda de 200€ do Goberno do Estado.
A formación considera que o Concello, como administración máis próxima, debe traballar para o maior número de familias posible ,“o Concello como institución máis próxima debe actuar como facilitador para que a veciñanza acceda aos recursos que habilitan dende as distintas administracións”, indica Ximena Cheda, quen insta ao Concello de Lugo a reforzar “o soporte na atención dixital” de cara a dar apoio á veciñanza durante o período desta solicitude do Goberno do Estado, e de maneira permanente se así o demanda a cidadanía”.
Ximena Cheda fai fincapé en que “xeralmente son as familias máis vulnerables as que non acceden a este tipo de axudas por mor da fenda dixital”, polo que é fundamental “informar e acompañar nos trámites de acceso a aquelas que teñen maiores dificultades”. Nese senso, a candidata á alcaldía propón a “creación dun punto de asistencia municipal con rotación nas parroquias empregando os locais sociais” e aposta pola descentralización dos servizos de xestión de cara o seu programa para as municipais.