A agrupación comarcal de Esquerda Unida Lugo acaba de poñer en marcha unha campaña de sensibilización contra a violencia machista baixo o título Podemos ser todas, no marco da campaña de Izquierda Unida federal “Que non nos rouben a vida”, que pretende chamar a atención sobre tódolos ámbitos de agresión do sistema contra a maioría social traballadora e a situación de emerxencia social á que esta foi abocada.
Dentro dela, explican dende EU, as mulleres son o colectivo máis vulnerable, pois, nas súas palabras, son vítimas dunha violencia estrutural cuxa cara máis visible son os asasinatos machistas.
A campaña da comezo coa publicación dunha serie de vídeos que se publicarán nas redes sociais, protagonizados por mulleres militantes e simpatizantes de Esquerda Unida, que asumen durante uns intres a identidade de mulleres asasinadas nos últimos anos en Galicia a mans da súas parellas ou ex parellas. No seu primeiro vídeo, que xa se pode ver no twitter de @acesquerdaslugo e no Facebook de EU, unha militante do partido métese na pel de Ana Enjamio, unha moza de 25 anos asasinada o pasado ano en Vigo.
A campaña de EU Lugo tamén pretende ser unha medida de presión para que a Xunta de Galicia reaccione ante o repunte de asasinatos e agresións machistas na nosa comunidade nos últimos meses e mellore os servizos de atención psicolóxica, información e inserción laboral recollidos na infradotada Lei galega de prevención e tratamento integral da violencia de xénero.
EU Lugo quere salientar con esta campaña que a actual lexislación é insuficiente para erradicar as violencias machistas, tanto a autonómica como a estatal, e que esta loita debe centrarse na dotación de recursos reais para dar cumprimento ás devanditas normativas, e na apertura de xulgados específicos para os casos de violencia de xénero, que consideran urxente abrir en Lugo.
A coordinadora comarcal de EU Lugo, Isabel Sánchez, apuntou que ademais de avanzar para mellorar os marcos legais, cómpre pular porque se realice unha labor preventiva e educativa maior e asegura que “É preciso abordar tódolos ámbitos de discriminación sistémica contra a muller, tamén o económico e psicosocial, pois só indo á orixe do machismo, afirma Sanchez, podemos erradicar as súas consecuencias en forma de asesinatos.