Arranca o San Froilán, e este ano dunha forma moi auténtica e especial, da man da escritora lucense Marica Campo, nomeada pregoeira pola Comisión de Festas. A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou onte a Marica Campo, amosando a súa satisfacción a que neste 2017 sexa unha muller pregoeira, despois de tantos anos, tamén fixo fincapé na gran presenza feminina na programación destes festexos.
“Falar de Marica Campo é falar dunha persoa dedicada á docencia de vocación, unha persoa referente na nosa cidade e na nosa provincia, icono cultural da literatura, unha persoa que ten escrito moito, pero que lle gusta máis leer que escribir. Falar de Marica Campo é falar dunha apaixoada por Lugo”, destacou a Alcaldesa.
Tras o pistoletazo de saída das festas patronais luguesas, tivo lugar un espectáculo pirotécnico. Os actos para a xornada inaugural do San Froilán inclúen tamén o concerto de Goran Bregovic e as actuacións das orquestas Metamovida e Essencia. Ata o vindeiro día 12 terán lugar unhas 200 actividades.
Marica Campo, que asinou no Libro de Ouro do Concello, ofreceu un pregón poético, que revosou optimismo, alegría e gañas de vivir, “que son as que fan que os pobos progresen”, segundo o definiu a propia pregoeira.
Hoxe, día de San Froilán, patrón da cidade, tivo lugar a apertura da feira de antigüidades e coleccionismo na rúa da Raíña trala que membros da Corporación Municipal, acompañados pola agrupación Raíces do Campo e a Banda Municpal de Música realizaron a ofrenda floral a San Froilán, na Catedral.
Ao longo do día puidemos ver pasarrúas a cargo de Son de Cores, Caivanca, Os Charangos de Neda, Raíces do Campo, Valuras e Devandoira Infantil. A Penúltima amenizou a sesión vermú, no Campo Castelo, e a orquestra Costa Dorada será a encargada de musicalizar a verbena, na Praza Maior.
Os concertos do día do patrón correrán a cargo de Edgar Bao e Rosa Cedrón, así como dos Djs Army, Manu Chady, Dr Think e Frisco e Marcos Peóns. Como é de costume, esta noite tamén terá lugar unha sesión de fogos artificiais.