A Policía local denuncia seis persoas por ouriñar nas paredes da Catedral na madrugada do sábado ao domingo. Ademais, os axentes tamén denunciaron outras dúas por facer o mesmo na rúa Bispo Basulto e nas inmediacións.
Trátase das primeiras denuncias realizadas pola Policía despois de que o Concello decidira hai dúas semanas redobrar a vixilancia policial no casco histórico por mor dos desperfectos causados polos mozos que realizaban botellón durante a fin de semana.
Os responsables de patrimonio da Catedral xa advertiran da necesidade de poñerlle freo a este tipo de prácticas polo dañino que resultan para a pedra e as portas do monumento.